O Pino promocionará o día 7 a súa gastronomía quilómetro cero dentro de 'Saborearche'
- Laura Moure
- 2 sept 2022
- 1 Min. de lectura
O cociñeiro Miguel Mosteiro ofrecerá un showcooking con elaboración de tres pratos en directo
Laura Moure/O Pino
O próximo 7 de setembro, O Pino promocionará a súa gastronomía quilómetro cero no Centro Cultural Luís Seoane co evento ‘saborearche’. Será a partir das 18:30 horas cando o cociñeiro Miguel Mosteiro, promotor da iniciativa, ofreza un showcooking con elaboración de tres pratos en directo, centrados nos produtos de proximidade do municipio.

Os participantes rexistrados terán a oportunidade de asistir á preparación das distintas propostas e degustalas de forma totalmente gratuíta. No Pino será a última oportunidade para gozar desta segunda edición do proxecto ‘saborearche’. A iniciativa, que este verán xa visitou Palas de Rei, Catoira, Miño e Rodeiro, ten como obxectivo destacar os produtos de proximidade dos territorios do Camiño, poñéndoos en valor como elementos singulares e fundamentais para a promoción dos roteiros xacobeos.
Ademais de explicar as bondades e características dos produtos gastronómicos da zona a través da elaboración de tres pratos, a xornada ‘saborearche’ servirá para abordar outras cuestións estreitamente ligadas á chamada cociña quilómetro cero, como o ecoloxismo e o desenvolvemento sostible do territorio. Como complemento á actividade, o evento contará coa participación do fotógrafo Adolfo Enríquez, encargado de ofrecer un pequeno taller de fotografía gastronómica, no que compartirá cos asistentes consellos e recomendacións para sacar o maior partido ás instantáneas de pratos e produtos.
As de ‘saborearche’ son citas de participación aberta e gratuíta. Con todo, as prazas para sentar a gozar dos pratos elaborados durante o showcooking son limitadas, polo que é necesario formalizar a inscrición a través do teléfono 981 511 065 ou do correo electrónico turismo@opino.gal.
Comentarios