top of page

O Pino non ten agora ningún caso activo de Covid vencellado ao Camiño tal e como informa o Concello

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

Detetouse un brote de 22 peregrinos aloxados este sábado en dous albergues privados deste municipio, pero todo o grupo marchou este domingo ás súas casas


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino informa que nestes momentos non hai ningún caso activo de coronavirus neste municipio vencellado ao Camiño de Santiago. "A Consellería de Sanidade informou hoxe ao Concello do Pino da detección dun brote de coronavirus nun grupo de 22 persoas aloxadas o sábado en dous albergues privados de Arca. Só cinco deron positivo, logo de facerlles probas PCR a todas elas", indica o Concello. Todo o grupo marchou este domingo para as súas casas en automóbiles particulares, tal e como engade.


O alcalde do Pino, Manuel Taboada, pídelle á veciñanza que reforce as medidas de prevención, usando máscaras e mantendo a distancia de seguridade, para evitar un novo brote de coronavirus, como o que se detectou o pasado sábado en Arca.


Segundo informaron dende a Consellería de Sanidade, despois de que nun test de antíxenos dúas persoas deran positivo, fixéronselle probas PCR a todos os membros do grupo, confirmándose en total cinco positivos en Covid-19. A Xunta activou o protocolo correspondente e puxo en corentena as 22 persoas, que o domingo regresaron en coches particulares para as súas casas.


Dende o Concello, o alcalde recorda que é a Consellería de Sanidade quen establece os protocolos e determina as actuacións que se deben pór en marcha. Neste senso informa que despois de ser inspeccionados a fondo polas autoridades sanitarias, os dous albergues seguen abertos.


Manuel Taboada pídelle a veciñanza “responsabilidade e prudencia, cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias, usando a máscara e mantendo a distancia de seguridade en todo momento” para evitar este tipo de abrollos. A mesma prudencia é a que lle pide o mandatario ao sector da hostalaría, “profesionais que están a cumprir coa normativa para evitar a propagación da pandemia, reforzando a limpeza e desinfección de todos os espazos e materiais”.


O abrollo deste sábado rexistrouse nun grupo de pregrinos que se aloxaba en dous albergues privados de Arca, segundo informaron dende a Consellería de Sanidade ao Concello de O Pino. Tiñan entre 20 e 21 anos e, na súa maior parte, procedían da Comunidade de Valencia.

Segundo informou a Consellería de Sanidade, “nestes momentos no Pino non hai ningún caso positivo de coronavirus vencellado ao Camiño de Santiago”, afirma o alcalde. “O Camiño é seguro, e para mantelo así todos debemos ser prudentes”, conclúe.


Pero hai que lembrar que no municipio do Pino, segundo os últimos datos do Sergas, hai 36 contaxios.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page