O BNG de Silleda propón crear un centro cultural da vila na antiga Casa Consistorial
- ecosdacomarca
- 13 mar
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Silleda
O BNG de Silleda, vén de presentar unha moción para debate no próximo pleno municipal ordinario, previsto a finais do mes de marzo, no que se insta ao goberno municipal a redactar un proxecto para rehabilitar o antigo edificio consistorial e convertelo nun centro cultural que sexa o centro da vida social e que actúe como revulsivo e motor da programación cultural e artística municipal.

Na moción, denúnciase a falta de espazos municipais na vila destinados a acoller exposicións ou outras expresións artísticas como teatro ou danza, situación que se viu
agravada logo das obras para converter a antiga casa da cultura na casa do concello. Así, o anterior edificio contaba con algunhas salas que podían usarse para exposicións e o antigo salón de actos tiña un aforo moito maior ao actual salón situado ao carón do
salón de plenos.
Publicidade
Por todo iso, desde o BNG consideran imperativo que unha vila como Silleda conte cun
centro cultural de calidade, polo que propoñen destinar o primeiro andar da antiga sede municipal a salas de exposicións, mentres que o segundo andar podería destinarse a
acoller unha gran sala de usos múltiples, á que se podería incorporar unha grada retráctil
ou desmontable que permitise acoller actuacións e eventos de diversa clase, como
concertos ou teatro.
Para a redacción do proxecto, o BNG insta ao goberno a consultar as necesidades que poidan trasladar os distintos colectivos adicados a produción cultural, así como a contar
co asesoramento de profesionais das artes escénicas, co fin de que o deseño do espazo
sexa realmente útil e cumpra cos estándares técnicos precisos para acoller unha sala
de actuacións polivalente.
“O concello é un referente a nivel cultural grazas principalmente ao traballo de todos os colectivos, por iso a vila debe recuperar canto antes un centro cultural que sirva para
amosar toda esa actividade e que actúe como motor para novas iniciativas que de
seguro han xurdir nos próximos anos”, recalca a voceira local, Erea Rey, ao tempo que
reclama que o goberno municipal carece de iniciativa propia en materia de xestión
cultural, máis alá de ser “un mero colocador de carpas”.
Comments