O ciclo 'Domingos de Teatro' volve converter Melide nun referente cultural
- Laura Moure
- 13 mar
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 14 mar
Son catro funcións entre marzo e abril que adaptan textos clásicos e modernos para reflexionar sobre os problemas da nosa sociedade
Laura Moure/Melide
A concellería de Cultura do Concello de Melide pon en marcha durante este mes de marzo e o vindeiro mes de abril unha nova edición do ciclo Domingos de Teatro. Esta iniciativa volverá ofrecer a todo o público adulto funcións teatrais a cargo dalgunhas das compañías máis consolidadas e afamadas do país. Nesta ocasión son catro as representacións programadas entre os domingos 23 de marzo e 13 de abril. Todas as sesións terán lugar no Centro Sociocultural Mingos de Pita ás 19 horas, sendo de balde. O acceso ao recinto pecharase despois do comezo de cada función.

A primeira obra teatral do ciclo é “Unha inimiga do pobo”, da compañía Talía Teatro. A función terá lugar o domingo 23 de marzo. Nada menos que sete premios María Casares na edición de 2024 avalan a calidade dunha obra que adapta un século e medio despois o
texto orixinal do noruegués Henrik Ibsen, unha reflexión sobre a política, o poder e as
prioridades sociais que latexa igual de forte que cando foi escrita. Esta adaptación achega
aínda máis a historia orixinal ao contexto da Galicia contemporánea, reflexionando sobre
o poder da desinformación e as redes sociais, así como a crise ecolóxica. Nesta nova
versión do clásico de Ibsen coñecemos a Helena, unha doutora de prestixio internacional
que, embarazada de sete meses, regresa á súa vila natal para descansar no balneario
que ela mesma deseñou. Unha inesperada contaminación das augas obrígaa a loitar pola
saúde da poboación nun contexto onde esta se contrapón cos intereses económicos.
A obra está dirixida por Tito Asorey. O elenco inclúe a Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala.
Publicidade
O ciclo continúa o 30 de marzo coa representación de “Esas cousas marabillosas” por parte da compañía Empatía Teatro. O texto de Duncan MacMillan xa chegou a máis de 5.000 espectadores por toda Galicia con esta representación. Unha comedia tenra que aborda temas como a depresión e o suicidio. A obra convida ao público a participar a través dun papeliño que recibe na entrada e que terá a súa importancia durante a función. A dirección da obra é de Avelino González, co actor Elisardo de la Cruz levando o peso da función.
O domingo 6 de abril o ciclo prosegue con “Made in Galiza” de Sarabela Teatro,
reimaxinando o libro de Sechu Sende. Unha reflexión aguda e necesaria sobre a perda de falantes da lingua galega, que convida a loitar por ela. A obra caracterízase por un humor
reflexivo, unha poética ao alcance de todo o mundo e un texto conmovedor. Nesta
aguerrida defensa da lingua galega, cada historia é distinta, amosando personaxes
retranqueiros, combativos, tenros, poéticos... A dirección da obra recae en Fina Calleja. No elenco atópanse Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto.
O Domingos de Teatro chega á súa fin o domingo 13 de abril da man de Teatro de
Ningures, que representará “As Gardiás”. Un espectáculo teatral que convida a unha necesaria reflexión arredor da vellez e os coidados, onde se contrapoñen o mundo das residencias coa calor humana da comunidade familiar. Un alegato de Nasser Djemaï a
prol dunhas gardiás que se resisten a unha modernidade inclemente, tratando temas como a vida en comunidade. Teatro de Ningures pretende, a través da posta en escena, desafiar as percepcións sociais sobre a vellez e o dereito da poboación de maior idade a xestionar a súa vida e a súa autonomía. Dirixida por Cristina Domínguez, a obra conta no seu reparto coas actrices Casilda Alfaro,Melania Cruz, Amparo Martínez, Rebeca Montero e Sonia Rúa.
O Concello de Melide convida a toda a veciñanza a desfrutar dun ciclo que achega á nosa vila textos e compañías teatrais de alto nivel, consolidando unha aposta cultural que converte Melide nunha referencia.
Comments