Con esta actuación transformarase tamén parte da rúa Santa Eulalia, continuando con modelo de mobilidade amable, sostible e segura nas rúas da vila
Laura Moure/Silleda
O goberno municipal de Silleda continúa a avanzar no seu proxecto global de transformación urbana baixo o concepto do “cinturón verde”, co obxectivo de impulsar un modelo de mobilidade amable, sostible e segura. Nesta liña, presentouse a finais de novembro do ano pasado o proxecto Mellora da Mobilidade Peonil na avenida do parque á convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra. Este proxecto, cun orzamento de 747.122,98 euros, percibirá a través desta liña de axudas un total de 597.698,38 euros, financiándose os 149.000 euros restantes con achegas municipais.
O proxecto, que foi presentado o pasado mes de novembro á veciñanza, e que tamén centrou un proceso de participación veciñal, con enquisas nas que serealizaron achegas ao que foi a proposta final, afectará ao primeiro tramo da avenida do Parque (dende o enlace coa rúa Trasdeza ata o cruce con Santa Eulalia) e tamén ao entorno da praza da Igrexa.
Publicidade
Inclúe a creación dunha ampla zona verde con bancos integrados ao principio da avenida, a plantación de novas árbores de gran porte, a reubicación da parada de taxis para optimizar o espazo público, e a ampliación da área da praza mediante a demolición do peche do recinto eclesiástico, o que permitirá crear unha zona con chanzos tipo auditorio cara a rúa Santa Eulalia.
Este proxecto, financiado na súa redacción a través do programa Ágora da Deputación, concibe esta área como un espazo público aberto pensado para o tránsito peonil, que incluirá melloras de accesibilidade, zonas verdes renovadas e un novo deseño urbano centrado na seguridade e o benestar.

“Con estas accións, Silleda reforza o seu compromiso cun urbanismo sostible e colaborativo, contando coa implicación da cidadanía para construír un municipio máis accesible, verde e moderno”, indica a alcaldesa e responsable municipal de Xestión Urbana, Paula Fernández.
No marco das políticas de desenvolvemento e sustentabilidade local, a obra de Mellora da Mobilidade peonil na Avenida do Parque en Silleda, ten como obxectivo revitalizar áreas clave no casco urbano para optimizar a calidade de vida da veciñanza e visitantes, aumentar o atractivo do municipio e fomentar o equilibrio territorial na prestación de servizos. Pero ademais, esta actuación representa unha intervención integral que non só transforma o espazopúblico desde unha perspectiva urbanística, senón que tamén mellora, desenvolve e moderniza servizos fundamentais, adaptándoos aos estándares actuais de eficiencia, accesibilidade e funcionalidade. Este proxecto aborda necesidades históricas e promove unha transformación completa da área mediante as seguintes accións como o soterramento de todo o cableado, renovación do sistema de iluminación, a mellora do servizo público de taxis (que se reubicará na beirarúa oposta convertindose nunha zona máis funcional e segura para as persoas usuarias); a creación de novas zonas verdes, ou a revalorización do espazo público cunha maior dinamización económica.
Con esta actuación, continúa desenvolvéndose o “cinturón verde de Silleda”, continuando proxectos como a mellora da mobilidade no entorno daResidencia, na zona deportivo escolar (onde se acaban de remodelar e humanizar varios tramos); a rúa Progreso, e todo o entorno do centro de saúde.
Comments