top of page

O Pino comeza a repartir o contedor para materia orgánica no núcleo Pedrouzo e á hostalaría

Unha técnico de Sogama estivo explicando como fomentar a recollida selectiva e que tirar en cada contedor


Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino comezará esta semana a distribuir o contedor marrón no núcleo de Pedrouzo e entre aqueles locais de hostalaría ou grandes xeradores de materia orgánica que o soliciten. Para facilitar o bo uso e contribuír á reciclaxe en orixe, unha técnica de Sogama impartiu unha charla informativa para explicarlle á veciñanza como mellorar a separación de residuos na casa e que se pode tirar en cada contedor.

Aproximadamente o 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo corresponde a materia orgánica, polo que incorporar o contedor marrón para a recollida específica desta fracción posibilita a súa recuperación en forma de abono na correspondente planta de compostaxe de Cerceda.


Ademais de concretar os materiais a depositar no contedor marrón, a técnica explicou a infraestrutura industrial deseñada pola Xunta e executada por Sogama. A materia orgánica deste contedor trátase nunha planta de biorresiduos en Cerceda, na que se produce compost de boa calidade que se utiliza como fertilizante natural na agricultura e na xardinaría.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información!

A partir da vindeira semana, o Concello do Pino instalará o contedor marrón no núcleo urbano de Pedrouzo e tamén llelo facilitará a aqueles establecementos (restaurantes ou grandes xeradores de materia orgánica) que o soliciten. Deste xeito darase cumprimento a lexislación europea para facilitar a recollida selectiva de materia orgánica e que obriga a ter implantado o contedor marrón antes de que remate o ano.


Ademais do colector para materia orgánica, o Concello do Pino vai repartir composteiros domésticos nas vivendas unifamiliares, para facilitar a reciclaxe da materia orgánica e facer compost.


Para facilitar a reciclaxe de forma exitosa, é imprescindible facer unha boa separación na casa, para que o 95% dos materiais que se depositen no contedor marrón sexan compostables.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.

Que se pode botar no contedor marrón

Na charla de onte, a técnica explicoulle ás persoas asistentes que se pode botar no contedor marrón y que non debemos depositar nel. Aclarou que, se utilizamos bolsas para tirar a materia orgánica, estas bolsas deben ser biodegradables ou compostables.


No contedor marrón pódese depositar:

  • Restos de alimentos:

  • Crus ou cociñados de froitas, verduras, legumes e hortalizas.

  • Restos de orixe animal: carne ou peixe (ósos, carne cocida, restos de peixe e marisco, espiñas, cunchas de mexillón, ameixas, …).

  • Peladuras de patacas.

  • Restos de pasta e arroces.

  • Restos de froitos secos.

  • Sementes e cereais.

  • Ósos de froita.

  • Restos de pan, bolería e galletas.

  • Cortizas de queixo.

  • Papel de cociña usado e panos de mesa de papel (sen restos de aceite).

  • Pousos de café e bolsiñas de infusións.

  • Restos de plantas, flores, follas secas, herba e pequenos restos de poda e hortas.

  • Alpiste

  • Cascas de ovo.

  • Tapóns de cortiza natural.

  • Bolsas compostables.


Publicidade

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Non debemos depositar:

  • Aceite de cociña ou calquera outro líquido.

  • Cueiros, compresas e tampóns.

  • Papel hixiénico.

  • Ramas de podas.

  • Restos aspirados ou varridos.

  • Cabichas de tabaco.

  • Calquera outro material de plástico, vidro, pilas, etc.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page