top of page

O Pino celebra a XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar con máis de 4.400 euros en premios

Celebrarase o 2 e 3 de agosto

Laura Moure/O Pino

O Concello do Pino organiza esta fin de semana a XXIV Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, unha cita declarada Festa de Interese Turístico de Galicia que mestura tradición, gastronomía, música, deporte e cultura nun ambiente pensado para toda a familia. A festa celebrarase o sábado día 2 e domingo 3 de agosto, cunha programación renovada que inclúe máis de 4.400 euros en premios na Mostra Cabalar, destacando a nova carreira de trotóns, que repartirá 450 euros para os cinco primeiros clasificados.


A programación comeza o sábado cunha das grandes novidades deste ano: a carreira Os 21 do Galo Piñeiro, que conectará Arzúa e O Pino por tramos do Camiño Francés. A proba, organizada polo Concello do Pino, inclúe unha cita principal de 21quilómetros que sairá ás 19:30 horas da capela da Madanela (Arzúa), e outra de 8 km que comezará ás 19:50 horas desde a parrillada A Esquipa (O Pino). Ambas rematarán na praza do Concello.

Ás 20:00 horas, a praza de Forcarei acollerá o concerto de Píscore xunto coa Banda de Música de Arca, nunha proposta artística que combina humor, percusión e música en directo. A noite pecharase ás 22:30 horas co concerto-espectáculo de Queiman, que ofrecerá unha orixinal fusión de tradición celta e forza rockeira.


Feira de raza piñeira, artesanía e animación infantil o domingo

O domingo será o día grande da festa, coa apertura da Mostra Cabalar (9:00 horas) e da XXIV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira (10.00 h), un espazo dedicado a exaltar esta especie avícola orixinaria do Pino, símbolo identitario do municipio. A feira busca recoñecer, conservar e difundir a importancia da raza piñeira, premiando os mellores exemplares de galos e galiñas vivas, así como animais de curral, e reforzando o

compromiso do Concello coa súa protección e promoción.


Desde as 110:0 horas, haberá pasarrúas coa Charanga NBA, apertura da feira Artesanía no Camiño e obradoiros demostrativos de bolillos, bordado ao aire, tornería, coiro ou xoguetes tradicionais e participativos de cerámica, pulseiras de coiro, pintura sobre tea.


Os máis pequenos poderán gozar da zona infantil con xogos xigantes, barca artesanal e

espectáculos continuos de rúa co Mago Antón, Kinetiko e o Circo Chosco Távole (19:00

horas).


Ás 13:00 horas celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo piñeiro, que coincidirá coa sesión vermú de EME Music e o Dúo Ciclón, e coa entrega de premios da feira avícola. O pregón oficial da festa, ás 14:30 horas, correrá a cargo do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, José González Vázquez.


Coches clásicos e xantar popular

Como novidade, o domingo tamén se celebrará a partir das 11:00 horas a I Concentración de Coches Clásicos e Históricos Festa do Galo Piñeiro, aberta a vehículos e motocicletas

con máis de 35 anos. Un atractivo máis que engadirá variedade á programación e atraerá

público de todas as idades. Para participar na concentración é necesario inscribirse na casa da cultura ou no teléfono 981 511 065. O prazo para anotarse remata o 30 de xullo.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información.
Preme na imaxe para obter máis información.

Ás 15:00 horas celebrarase o tradicional xantar popular baixo a carpa situada xunto á praza de Forcarei. O prezo do menú é de 25 euros e os tiques pódense adquirir nos establecementos de hostalería do Pino ata o venres 1 de agosto. As entradas dispoñibles

poranse á venda o mesmo domingo, 3 de agosto, no stand que terá o Concello do Pino na

praza de Forcarei.


Mostra Cabalar e nova carreira de trotóns pola tarde

A partir das 17:30 horas retomarase a actividade da Mostra Cabalar, que este ano repartirá máis de 4.400 euros en premios, incluíndo o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de Pura raza española (P.R.E.) nado e criado en Galicia, así como o Premio aos mellores movementos P.R.E..


Como novidade, inclúese unha carreira de trotóns, dotado con 450 euros en premios, que

terá lugar ás 18:00 horas, seguido de exhibición de enganche e da tradicional proba de

arrastre. Ás 20:00 horas entregarase a totalidade de premios da mostra, antes do comezo do espectáculo ecuestre Pura Vida (20:30 horas), que combinará doma, elegancia e arte a

cabalo.


Publicidade

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

A edición 2025 da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar pecharase ás 22:00 horas na praza de Forcarei co musical Historia da Verbena, da man de La Oca Band, que ofrece un

percorrido musical e audiovisual polas grandes cancións das verbenas galegas combinando narración, humor, baile e música en directo a cargo de nove artistas multiinstrumentistas.


A veciñanza e visitantes atoparán no Pino unha fin de semana chea de tradición, cultura, diversión e identidade local, cunha festa que mestura tres celebracións en unha: a Festa do Galo Piñeiro, a Mostra Cabalar e unha ambientación de inspiración celta, lembrando as orixes desta raza avícola que chegou a Galicia da man dos pobos celtas.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page