Na categoría absoluta as persoas participantes deberán percorrer 8 quilómetros e os menores de 6 anos uns trescentos metros
Laura Moure/O Pino
A Carreira Pedestre Popular do Pino celebra o vindeiro domingo día 22 de setembro a súa décimo novena edición cun percorrido de 8 quilómetros para a categoría absoluta e duns 340 metros para menores de seis anos. A primeira saída darase ás 10:00 horas na praza de Forcarei (Arca), onde tamén está situada a meta. Organizada polo Concello do Pino baixo o control técnico da Federación Galega de Atletismo, esta proba pertence ao X Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña.
Na XIX Carreira Pedestre Popular do Pino poderán participar atletas federados e non
federados e haberá unha soa clasificación conxunta. O control da proba estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. A inscrición deberá facerse na web carreirasgalegas.com (neste enlace) antes das 23:59 horas do xoves 19 de setembro. A recollida de dorsais será na secretaría técnica (situada na praza de Forcarei) ata 30 minutos antes da saída. O regulamento da proba pódese consultar na mesma paxina web da inscrición.
Publicidade
A saída da categoría absoluta (maiores de 18 anos) será ás 10:00 horas, e as seguintes iranse facendo de xeito consecutivo ata ás 12:10, cando comezarán a correr as persoas
participantes menores de seis anos.
O Concello entregará trofeo para os tres primeiros e as tres primeiras clasificadas das diferentes categoría, agás na categoría sub-6 (neste non haberá clasificación nin premios).
Tamén haberá trofeo para o primeiro e a primeira atleta local empadroado no concello do
Pino das categorías escolares (de Sub-8 ata Sub-18), entre outras premiacións. Os trofeos
non serán acumulativos agás os correspondentes aos e ás atletas locais. Haberá medallas
para todas as persoas participantes nas categorías escolares entre Sub-6 e Sub-12.
Publicidade
No caso dos clubs federados establécense premios en metálico de 150, 100 e 50 euros para os tres primeiros, tanto en categoría masculina como feminina.
Comments