Este será o vindeiro martes, día 21 de xuño
Ecos da Comarca/Touro
"Tras a solicitude de celebración de Pleno Extraordinario, presentada polo Grupo Socialista do Pino o pasado 31 de maio, e ante a reiterada negativa do alcalde de O Pino a contestar aos escritos do mesmo grupo -onde se lle solicitaba a argumentación xurídica que motivou o bloqueo de acceso e visualización ás redes sociais institucionais-, o alcalde terá que explicar en sesión plenaria a que se deben os feitos, que o Grupo Socialista xa cataloga
como “censura”", indican os socialistas do Pino.

O PSdeG local afirma que o rexedor "utiliza desde fai moito tempo as redes sociais
institucionais dun xeito totalmente partidista. O Sr. Taboada caracterízase por darse autobombo. Leva moi mal a crítica, non acepta que ninguén cuestione a súa labor, e cando algún veciño ou veciña discrepa coa acción do goberno e o manifesta publicamente, o alcalde, intenta por todos os medios que iso non transcenda, censurando e bloqueando ao mesmo nas redes sociais do concello”, manifesta o voceiro socialista, Óscar Vilar.
O Grupo Socialista local indica que estes feitos non se poden volver a permitir. “Estamos ante un abuso de dereito, e extralimitación de funcións por parte dun mandatario local. Hoxe ninguén discute que as redes sociais institucionais son unha fonte de información para a cidadanía, e ninguén pode limitar ese dereito, e moitos menos a ningún concelleiro ou concelleira”, afirman.
Co obxecto de que todo isto non se volva a producir levan tres propostas de acordos ao Pleno: ordenar o desbloqueo inmediato, fomentar que as redes sociais institucionais conteñan información obxectiva e non se utilicen de forma partidista, e no caso de que se teña que realizar algún bloqueo por faltas de respecto e educación terá que existir antes un informe motivado e aprobado polo Pleno da Corporación.
O Pleno Extraordinario no Pino será o martes 21 de xuño, ás 9:00 horas, no Salón de Plenos.
Comments