O Pino acolle unha nova edición de ‘Camiños de coñecemento e experiencia’ para maiores de 50 anos
- Laura Moure
- 15 mar 2024
- 2 Min. de lectura
As plantas medicinais, os insectos e os trastornos do sono centran os seminarios e sesións prácticas
Laura Moure/O Pino
O programa da USC Camiños de coñecemento e experiencia regresa en maio ao concello do Pino para ofrecerlles formación universitaria ás persoas maiores de 50 anos. Esta iniciativa inclúe tres seminarios teóricos e tres sesións prácticas, que se desenvolverán entre o 2 e o 10 de maio, de catro e media a seis da tarde. A matrícula é gratuíta.

O ciclo ábrese o xoves 2 de maio co seminario titulado Para que serven os insectos, no que José Carlos Otero González defenderá a afirmación de que vivimos na era dos insectos, dado que representan o 55% da biodiversidade actual coñecida e o 85% da biodiversidade animal. O profesor emérito da Facultade de bioloxía da USC, xunto con Miguel Santamaría, dirixirán unha sesión práctica de presentación de insectos o mércores 8 de maio.
O sono e os seus trastornos será o tema central do segundo seminario, que se desenvolverá nas tardes dos venres 3 e 10 de maio. Nunha primeira sesión teórica, a profesora doutora da Facultade de Enfermaría Mónica Antelo Martelo falará das características do sono e dos trastornos máis comúns na poboación adulta. A segunda das sesións desenvolverase en forma de obradoiro, presentando de forma interactiva algunhas das técnicas existentes para conciliar o sono.
Publicidade
As sesións do luns 6 e martes 7 de maio centraranse nas Plantas medicinais. A profesora Mª Pilar Riveiro López explicará as súas aplicacións e usos e dirixirá unha sesión práctica para aprender a recoñecer as plantas medicinais máis frecuentes en Galicia.
A inscrición pode realizarse no departamento de Servizos Sociais, na Casa do Concello do Pino, en horario de 8:30 a 14:30 horas. Tamén pode descargarse a ficha de inscrición na páxina web municipal e enviala cuberta ao correo electrónico correo@opino.gal.
Publicidade
Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento fai
parte do Programa Universitario de Maiores IV Ciclo da Universidade de Santiago de
Compostela, entidade que organiza o programa co apoio da Xunta de Galicia e da
Deputación da Coruña. Na edición de 2024 participan os concellos do Pino, Arzúa, Porto do Son, Rianxo, Melide, Muros, Noia, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Teo, Vedra,
Ordes e Outes.
Comments