top of page

O Pino abre a inscrición en ximnasia por parroquias e nas actividades deportivas municipais

Foto del escritor: Laura MoureLaura Moure

As clases comezan o luns 3 de outubro


Laura Moure/O Pino

O Concello de O Pino abriu este luns o prazo de inscrición nas actividades deportivas municipais para escolares e adultos que se desenvolverán ao longo do curso nos polideportivos de Reboredo (centro escolar) e Lameiro e máis no centro sociocultural Luis Seoane. Tamén poden formalizar a inscrición as persoas interesadas en participar no programa de ximnasia por parroquias dos locais sociais de Pastor, Castrofeito, Lardeiros, Gonzar, Ferreiros e Budiño. As clases comezarán o vindeiro luns 3 de outubro e a matrícula pode formalizarse ata o día 11.


Este ano, o Concello vai ofertar multideporte, baile moderno e psicomotricidade de 15:30 a 16:30 horas (excepto os martes) para facilitar a conciliación ás familias con menores escolarizados no CPI Camiño de Santiago, segundo adiantou o alcalde, Manuel Taboada. Deste xeito as familias que non poidan recoller aos menores as 15:30 horas (momento no que rematan as clases) e teñan que agardar polos autobuses do transporte escolar que saen ás 16:30, poden apuntar aos seus fillos e fillas a estas actividades, que se van desenvolver na sala de usos múltiples do centro escolar e no polideportivo de Reboredo, a carón do colexio.

Aínda que estas actividades que se desenvolven de 15:30 a 16:30 horas están financiadas polo Concello, as familias deben inscribir aos menores a través da ANPA do CPI Camiño de Santiago, ao tempo que se anotan nas actividades que organiza a propia Asociación de Nais e Pais. Para o resto de actividades deportivas municipais poden cubrir os formularios que figuran adxuntos nesta nova.


As escolas deportivas municipais funcionarán entre outubro e maio en sete disciplinas: patinaxe artística (cinco niveis), ximnasia rítmica, psicomotrocidade, baile moderno, bádminton, multideporte, baloncesto e fútbol sala. A maioría das clases terán horario de tarde de luns a venres. Só ximnasia rítmica ten programada unha hora os sábados pola mañá, de 10:00 a 11:00, en Lameiro.


O prezo será de 40 euros anuais por actividade para menores empadroados e de 60 euros para non empadroados. O segundo e sucesivos irmáns así como a realización de máis dunha actividade contarán cunha bonificación do 50%.


As actividades deportivas para adultos, dirixidas a persoas maiores de 16 anos, prolongaranse ata o 30 de xuño. Poderán escoller entre zumba; glúteos, abdominais, pernas e circuítos de forza; pilates; tenis ou ioga. Estas actividades desenvolveranse no polideportivo de Lameiro, salvo ioga, que se imparte no centro sociocultural Luis Seoane. O prezo será de 55 anuais por actividade para empadroados e de 75 para non empadroados. Pola segunda actividade e sucesivas pagarase a metade.

Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Por último, ximnasia por parroquias terá un prezo de 45 euros ao ano para persoas empadroadas e de 90 euros para non empadroadas. As clases rematarán en xuño.

Para inscribirse nas actividades deportivas é necesario cubrir o formulario de solicitude e presentalo no Rexistro Xeral do Concello ou por sede electrónica. Deberá acompañarse do xustificante de ingreso da cota correspondente a cada actividade e do certificado de empadroamento, no caso de contar con bonificación por este motivo. A solicitude pode descargarse na web municipal ou solicitarse na sede do Concello de luns a venres entre as 9:30 e as 14:00 horas. De precisar máis información, as persoas interesadas poden contactar co departamento municipal de Deportes no correo deportes@opino.gal ou no número de teléfono 981 511 002.


A posta en marcha das actividades está supeditada á existencia dun mínimo de oito participantes.


Horarios, formularios de inscrición e máis datos no enlace:

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page