Haberá un total de seis quendas de xuño a setembro, o número de nenos en cada unha será 50 e o prazo para anotarse acaba este venres
Laura Moure/O Pino
Escola de Verán é o programa de conciliación que o Concello do Pino lles ofrece ás familias do municipio durante as vacacións escolares. As actividades, abertas a menores de entre tres e 12 anos, desenvolveranse entre o 23 de xuño e o 7 de setembro nas instalacións do pavillón municipal e os exteriores do colexio Camiño de Santiago (Arca).
Haberá un total de seis quendas: do 23 ao 30 de xuño, do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 15 de agosto, do 16 ao 31 de agosto, e do 1 ao 7 de setembro. A Escola de Verán abrirá de luns a venres polas mañás, entre as 8:30 e as 14:30 horas. O horario de recollida do alumnado farase entre as 13:30 e as 14:30 horas.
As prazas van ser de 50 por quenda, quedando supeditada á celebración do campamento de conciliación a que haxa un número mínimo de participantes. No caso de que as solicitudes superen a dispoñibilidade de prazas, primaranse os seguintes criterios: empadroamento, recomendación dos Servizos Sociais, familias monoparentais, menores escolarizados no concello do Pino; que o pai, nai ou titor/a traballe no termo municipal e participantes que estean gozando das súas vacacións no Pino.
De presentarse solicitudes para varios irmáns na mesma quenda, a admisión dun deles suporá a do resto. Mentres, aqueles pequenos que queden sen praza pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda.
O prezo
O prezo será de 20 euros a quincena en xullo e agosto. As quendas de xuño e setembro terán un custo de 10 euros. As familias numerosas terán un desconto dun 20% a partir do segundo fillo, presentando o título de familia numerosa. As cotas pagaranse unha vez que se saiba que o participante conta con praza logo da publicación das listaxes de admitidos. Nesta lista figurará a cantidade a ingresar, xunto ás datas de asistencia. A conta na que se fará o ingreso é a seguinte:
Abanca. ES70 2080 0337 1131 10000078
As inscricións poderán realizarse ata o 11 de xuño. Para iso, haberá que cubrir a ficha de inscrición que se pode descargar na web do Concello no seguinte enlace https://opino.gal/o-pino-abre-a-inscricion-da-sua-escola-de-veran-para-conciliar-durante-todas-as-vacacions-escolares/.
Unha vez cumprimentada, presentarase na sede electrónica para o seu rexistro.
A outra opción é presencial, con recollida do formulario e entrega nas dependencias do Concello entre as 9:00 e as14:00 horas. Para as persoas que opten por esta modalidade, adxúntase a instancia que hai que cubrir para levala ao Concello xunto ao resto da documentación. É importante que a impriman e a cubran na casa para evitar que se xunte xente ou que teña que pasar moito tempo nas dependencias municipais.
Comments