A Copa de España de Rallies de Asfalto chega ao seu ecuador tras o parón estival
Laura Moure/Palas de Rei
Regresa a actividade ao calendario nacional de rallies e faino en Cantabria, coa disputa do Rallye Cristian López nos arredores de Sarón. A cita cántabra será a terceira da Copa de España de Rallies de Asfalto, na que está a competir esta tempada o piloto de Palas de Rei, Luís Vilariño, a bordo dun Skoda Fabia R5, co salcedense Javier Martínez como copiloto. Espérase unha fin de semana moi intensa, con posibilidade de choivas para a primeira etapa, o que engadirá unha boa dose de emoción a unha proba que enfrontará aos equipos a once especiais divididas entre o venres e o sábado.

Luís Vilariño ten ganas de pelexar por un bo resultado: “Despois destes case dous meses de descanso, xa tiñamos ganas de volver competir a bordo do noso Skoda Fabia R5, o cal contará cun novo motor que esperamos que nos axude a ser máis competitivos e poder pelexar polos postos de cabeza. En Sarón haberá moitos candidatos á vitoria. Vai ser unha fin de semana moi intensa, sobre todo se finalmente a choiva fai acto de presenza, xa que despois de tantas semanas sen chover as estradas estarán moito máis complicadas e sucias", indica.
Ademais, apunta que "será o noso primeiro Rallye de Sarón, aínda que realizamos test e xa competimos en Cantabria noutras ocasións, así que tentaremos aproveitar esa experiencia para a posta a punto do noso vehículo. O noso obxectivo é tentar pelexar polo triunfo. Sabemos que vai ser complicado polo gran nivel de todos os nosos rivais, pero temos confianza en poder adaptarnos para tentar apertar ao máximo.”
Comments