O equipo galego finalizou na duodécima posición do FIA European Rally Championship co seu Skoda Fabia Rally2 Evo
Laura Moure/Palas de Rei/Deza

O Team Vilariño completou con nota a cita inaugural do FIA European Rally Championship, acabando na duodécima posición entre os equipos rexistrados no certame continental, nun Rallye Serras de Fafe, Felgueiras, Cabreira e Boticas que será lembrado como un dos máis complicados da historia. A cita do norte de Portugal sufríu un temporal de auga, vento e néboa que puxeron a proba a todos os participantes, afeccionados e membros da organización. Entre os participantes, o piloto de Palas de Rei conseguiu manter un gran ritmo xunto ao salcedense Javier Martínez, situándose durante a xornada do sábado entre os vinte mellores, para, finalmente, na etapa final, acabar subindo varias posicións grazas á súa regularidade e bo facer que os levou a case igualar o seu mellor resultado no certame europeo.
O propio Luís Vilariño mostraba a súa satisfacción tras chegar ao parque pechado final no centro de Fafe: “Estou realmente contento de completar esta proba. O ano pasado resistírasenos, pero esta tempada soubemos xestionar a carreira para poder gozar do noso Skoda Fabia Rally2 Evo a pesar do complicados que estaban os tramos. O sábado tivéronse que anular dous tramos, que dan conta do complicado que foi o día, mentres que o domingo, a choiva aumentou ata o bucle final, o que nos permitiu rodar máis tranquilos e poder gozar dun rallie que transcorre por algunhas das localizacións máis históricas do noso deporte. Ao arrincar no primeiro tramo do sábado, tiñamos claro que sería un reto moi duro de superar, polo que, o superalo, é realmente satisfactorio, e quitarnos así a espiña da pasada tempada. A falta dun tramo por disputar, caeu unha tromba de auga que nos lembrou a todos que ata o rabo todo é touro nos rallies, e que debiamos manter a concentración ata chegar ao parque pechado final. Foi un último tramo moi complicado, moi deslizante, e onde, por un momento, parecía que tiñamos un problema mecánico, porque non lograbamos que o noso vehículo traccionara. Agora, teremos unha semana de descanso antes de poñer rumbo ás illas atlánticas de Azores, onde disputaremos unha das carreiras que máis nos gustaron en 2021. Tras iso, tocará volver centrarse no asfalto nacional, que será outro dos nosos grandes obxectivos esta tempada".
Comentários