Competirán co vehículo alugado a ARVidal Racing ao non dispoñer aínda do kit de terra para o seu Skoda Fabia Rally2 Evo
Laura Moure
A dupla Luís Vilariño - Álex “ Kuku” Noriega desprazarase esta semana ata terras murcianas para participar o venres e o sábado no X Rallye Terras Altas de Lorca, segunda proba puntuable para o Supercampeonato de España de Rallyes ( S- CER). Tras as “boas sensacións” do quinto posto logrado no 38º Rallye Sierra Morena de Córdoba, nesta ocasión debutarán nun rallye de terra a bordo dun Peugeot 208 N5 alugado a ARVidal Racing, ao non dispoñer aínda do kit de terra na súa Skoda Fabia Rally2 Evo.
“Como xa anunciamos no seu momento, este ano a nosa prioridade é o ERC e estas dúas primeiras citas do S- CER, Córdoba e Lorca, afrontámolas practicamente como probas de preparación e adestramento. O noso único obxectivo en Murcia é rodar máis quilómetros sobre terra para preparar os rallyes do ERC nesa superficie, porque só habémola testado nunha xornada no circuíto do Pazo Barbeirón, en Pobra de Trives, e é completamente nova. Por tanto, o obxectivo é rodar, seguir coñecendo a superficie e para iso é conveniente acabar o rallye, aínda que, se temos opcións, tentaremos sumar puntos para o S- CER”, explica o piloto de Palas de Rei.
En canto ao comezo de tempada, Luís Vilariño sinala que, tras o aprazamento do 55 Rallye de Azores, a primeira proba do FIA ERC disputarase entre o 18 e o 20 de xuño en Polonia. Ata entón, ademais dunha presentación do equipo programada para finais de mes en Lugo, a estrutura do Vilariño Team posiblemente confirme a súa presenza para mediados de maio en Francia, no RallyeAntibes Côte D´ Azur, no que Luís Vilariño partiría con “serias opcións” de proclamarse vencedor do Tour European Rallye ( TER) de 2020, e tamén nun par de rallyes en Galicia.
![](https://static.wixstatic.com/media/0216be_ec2ae5ae509e438a8f43b384fde5dd74~mv2.jpg/v1/fill/w_980,h_653,al_c,q_85,usm_0.66_1.00_0.01,enc_auto/0216be_ec2ae5ae509e438a8f43b384fde5dd74~mv2.jpg)
Álex Noriega 'Kukú' e Luis Vilariño.
Comments