"Non o digo polos axentes, que só reciben ordes, dígoo polos mandos e delegados do goberno que equivocan os seus plantexamentos nas probas deportivas", aclara
Ecos da Comarca/Palas de Rei/Deza
O Rally San Froilán disputado esta fin de semana non foi bo para o piloto palense e da escudería Lalín Deza Luis Vilariño. "Queriamos estar como fora nos tramos pola afición, porque meréceo, pero chegou un momento no que xa non era seguro, nin para nós, nin para os espectadores. Mentras non tivemos problemas vimos que tiñamos ritmo para levar o ralli, pero foi imposible", relata Vilariño a través das súas redes sociais.
Tras o abandono por unha avería no seu Skoda Fabia R5 Evo 2, o piloto palense deu unhas declaracións ante un medio onde criticaba duramente á Garda Civil, pero ante isto, Vilariño quere aclarar a súas palabras. "Teño que volver a reiterarme nas miñas palabras sobre a actuación da Garda Civil. Non entendo como se monta un dispositivo como o que había no ralli cun obxectivo tan equivocado. Acaso somos "presuntos" infractores por correr en rallies?", pregúntase. "E ollo, non o digo polos axentes, que só reciben ordes, dígoo polos mandos e delegados do goberno que equivocan os seus plantexamentos nos rallies. Acaso nas voltas cicilistas fan algo parecido?", incide.
"E non será mellor que as forzas de Seguridade axuden ás organizacións nos cortes de estrada para que cando vamos co hans non nos xoguemos un accidente ao non poder xirar o pescozo? Non será mellor que axuden a cortar o tráfico un quilómetro antes da saída do tramo e que neste quilómetro poidamos quentar as rodas?Acaso cren que quentamos as rodas porque somos uns macarras? O que quenta fóra dese quilómetro, pois que o multen... pero quentamos as rodas por seguridade porque saír coas rodas frías é accidente seguro. Non corren máis risco así os espectadores e pilotos?", recalca. "Dá a impresión de que nas probas deportivas relacionadas co motor a veces priorízase máis a recaudación, que a propia seguridade", insinúa.
Baixada de espectadores
Ademais, considera que hai unha baixada no número de espectadores nestas competicións e en gran medida, afirma, é por este tema. "A afición que vén a vernos non vén a facer o cabra co coche, o que o faga que o multen, pero non se pode perseguir á xente", lamenta. "Creo que debemos recapacitar e as federacións deben arranxar isto polo ben de todos".
Pero ante todo, Vilariño recalca que é a súa opinión persoal e que lamenta as mensaxes con "ton insultante e amenazante" que está recibindo. "Creo que o único camiño válido para resolver as discrepancias é dende o respecto, e ao menos pola miña parte, así vai seguir sendo", sentencia.
Kommentarer