Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O Pazo de Liñares de Lalín albergou hoxe a inauguración do Museo do Xoguete con máis de mil pezas

O conselleiro Román Rodríguez salienta a calidade artística e afectiva da colección, que a maioría dela foi doada por Antonio Chaves


Laura Moure/Lalín

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañou hoxe ao alcalde de Lalín, José Crespo, na inauguración do Museo do Xoguete, no Pazo de Liñares, nun acto no que tamén interviu Antonio Chaves, como principal donante das máis de 1.000 pezas expostas ao público no Pazo de Liñares.

Asistentes á inauguración.

Na súa intervención, o titular de Cultura do Goberno galego destacou a “calidade artística e afectiva” desta colección a través da cal se traza “a crónica emocional de toda unha xeración”. “Trátase -engadiu- dun tesouro patrimonial material e inmaterial que non só exhibe un activo traballo de preservación, senón que permite reforzar a narrativa identitaria de Galicia a través da infancia de centos de galegos ao longo dos tempos”.


Román Rodríguez subliñou tamén a diversidade e a riqueza das pezas que o integran e que compoñen “unha perfecta cápsula do tempo”. Neste senso, agradeceu a xenerosidade do coleccionista, escritor e pintor Antonio Chaves que, xunto coa vontade do Concello de Lalín, fixeron posible que este proxecto saíra adiante.


"Hoxe inauguramos o Museo do Xoguete con máis de 1.000 pezas exclusivas e inéditas no Pazo de Liñares que se amosan ao visitante en catro salas e que constitúen un amplo percorrido polo mundo do xogo, o xoguete e a infancia. Un museo que é dos bos de Galicia e que agardamos que sexa referente en España funcionando como un importante atractivo turístico e educativo", recalca Crespo. "Atoparedes verdadeiras “xoias” como un coche de folla de lata considerado o mellor automóbil de carreiras do mundo (un “Bugatti de Payá” do 1932); moitos dos xogos da vosa nenez ou da dos vosos pais (peonzas, canicas, petancas, zancos, triciclos bonecos feitos de cortiza... e un sinfín deles); unha colección de avións en homenaxe a Loriga, entre outros moitas pezas, nun extenso e intenso percorrido pola historia do xoguete", relata.


Así mesmo o alcalde aproveitou para facer distintos agradecementos. "Quero agradecer dun xeito especial a Antonio Chaves por cedernos a maior parte das pezas expostas; a presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; de Marta Lucio, directora do Museo do Mar de Vigo. Tamén dar as grazas á concelleira de Cultura, Begoña Blanco, polo seu traballo para configurar este Museo do Xoguete que hoxe abrimos en Liñares, e que formará parte da colección permanente do Pazo de Liñares xunto á sala Loriga e a de Jan Dirk Hilgen. Ao que sumaremos máis adiante o Museo de Marioneta. Tedes que vir visitalo porque paga moito a pena", concluíu.


Este novo centro museístico vén a reforzar a ampla rede de Museos de Galicia, que engloba preto de 70 centros por todo o territorio galego, tres deles en Lalín. Nel exhíbense máis dun milleiro do xoguetes moi variados, algúns deles creados en Galicia, outros de Portugal, pezas premiadas pola súa excelencia e mesmo algunhas con 2000 anos de historia.




26 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE