Varias delicatesses arzuáns estiveron presentes na 25ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que se celebra en Ourense
Laura Moure/Arzúa
O pasado xoves, 24 de outubro, Arzúa acaparou o protagonismo no stand da Deputación da Coruña durante a 25ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que se celebra en Ourense dende o 24 ao 27 de outubro. O concello de Arzúa, coñecido pola súa rica tradición queixeira, destacou por promocionar a súa gastronomía cunha selección de produtos e pratos que representaron a excelencia culinaria local.
Os asistentes tiveron a oportunidade de degustar as seguintes creacións elaboradas polo recoñecido chef lalinense Álex Iglesias:
Ensalada temperada de croqueta líquida con queixo de Verbas.
Tartaleta de castañas con boletus e pera con Galmesan.
Canelón de porco celta con setas e queixo de Casa Donicio.
Tarta de queixo Arzúa de Queixería Barral.
Tarta de Arzúa de Mamá Teresa.
Publicidade
Ademais, os queixos de Verbas, Casa Donicio, Galmesan e Queixería Barral estiveron dispoñibles para a degustación, ofrecendo unha experiencia gastronómica única aos asistentes.
Publicidade
Begoña Balado, concelleira de Turismo e Promoción Económica de Arzúa, sinala que "participar en Xantar foi unha magnífica oportunidade para mostrar o noso patrimonio gastronómico. Os nosos queixos, recoñecidos a nivel nacional e internacional, e o traballo dos nosos produtores amosan o mellor de Arzúa. É un orgullo que o noso concello destacase nesta edición de Xantar.”
O evento foi unha ocasión ideal para dar a coñecer o mellor da gastronomía de Arzúa, combinando tradición e innovación para sorprender aos participantes.
Comments