Informa que fai 15 días solicitaron, xunto ao BNG, a posta en marcha do plan de rescate local, pero recrimina que aínda non se publicaron as bases no boletín oficial da provincia
Locais hostaleiros do Pino.
Laura Moure/O Pino
O Grupo Municipal Socialista do Pino critica o atraso na posta en marcha das axudas á hostalaría local. Unha liña de axudas acordada por toda a corporación no pleno extraordinario solicitado polo PSOE e que foi celebrado o pasado 20 de novembro.
Os socialistas informan que fai 15 días que solicitaron por rexistro, xunto ao BNG, a posta en marcha do plan de rescate á hostalería local, “un plan acordado no pleno de novembro, e desde aquela, o único que fixeron foi sacar notas de prensa, moita nota, pero as bases seguen sen estar publicadas no BOP”, denuncian.
Así mesmo, censuran a maneira de proceder do alcalde. “De nada serve vender fume, nin anunciar axudas a bombo e platillo, cando sabe que nos orzamentos do ano 2021 non está prevista esa partida orzamentaria, polo tanto haberá que aprobar unha modificación de crédito, a cal debe de ser ratificada no pleno xunto as bases. Esta é unha proba máis da improvisación que caracteriza ao goberno local do Pino”, apuntan.
Tamén lamentan, que desde o equipo de goberno non se contara coa oposición para a elaboración das bases. Bases que establecen axudas por un importe de 600 euros para os negocios de ata cinco empregados e de 1.500 para os que teñen máis de 11 asalariados. “A contía mínima debería de ser de 1.200 euros, non ten sentido ningún establecer unha axuda de 1.500 para os que teñan 11 persoas en nómina, cando, a día de hoxe, no Pino non hai ningunha empresa do sector hostaleiro que conte con ese número de asalariados”, indican.
Commentaires