top of page

O paro en Arzúa baixa de 193 a 166 persoas en 2024, situándose por baixo da media galega

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destaca a importancia destes resultados, pero tamén sinala os retos que quedan por diante


Laura Moure/Arzúa

Segundo os últimos datos publicados pola Consellería de Emprego da Xunta de Galicia, o paro no concello de Arzúa descendeu de 193 persoas en xaneiro de 2024 a 166 persoas no peche do mesmo ano. Segundo estimacións baseadas nos datos máis recentes sobre poboación activa, cos novos datos, a taxa de paro estimada para Arzúa pasaría de situarse ao redor do 6,1 % a inicios do ano 2024 ao 5,1 % ao peche do 2024, tal e como recalca o goberno local.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destaca a importancia destes resultados, pero tamén sinala os retos que quedan por diante. "É unha boa noticia, sobre todo se collemos as cifras dentro do actual contexto galego, no que a media de paro no país rolda o 8 %. Aínda así, hai que ser prudentes. Non podemos contentarnos con ese 5 %. Por iso é importante que as administración públicas colaboremos e deseñemos plans que axuden a dinamizar o mercado laboral.”


Ao longo de 2024, o Concello de Arzúa reforzou a súa estratexia de desenvolvemento económico mediante reunións con diferentes consellerías, como Medio Rural e Turismo, co obxectivo de conseguir investimentos que impulsen os sectores estratéxicos do municipio, como a gandería, a industria e o turismo sostible.


Publicidade    

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Ademais, no pasado ano, sinala que o Concello deu un paso importante ao abrir vías de colaboración co sector privado. "Empresas como Naturgy manifestaron o seu interese en participar en proxectos de colaboración público-privada, unha iniciativa que axudaría a recuperar a actividade socioeconómica dun espazo clave como Portodemouros". Para o vindeiro ano, o Concello ten previsto reforzar a súa aposta por proxectos ligados á economía verde, a transformación das materias, e aos servizos de calidade, coa intención de que o crecemento do emprego se manteña e, sobre todo, de que se consolide con traballos dignos e que promovan a inclusión social.


“As nosas veciñas e veciños merecen contar con oportunidades laborais que lles permitan ficar no noso Concello e contribuir ao desenvolvemento socio-económico do mesmo. É unha aposta firme que este goberno local seguirá defendendo, reclamando a implicación de todas as institucións, especialmente daquelas con competencia directa en materia de emprego, industria e desenvolvemento rural”, concluíu o alcalde.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page