E lograron un segundo posto entre os vehículos da categoría R5/Rally2
Laura Moure/Palas de Rei

Boa fin de semana para Luís Vilariño e Enrique Velasco, que demostraron a gran adaptación que están a conseguir co Hyundai i20 R5, marcando grandes tempos e completando unha carreira que estivo marcada pola inestabilidade meteorolóxica e as néboas nos tramos vespertinos. A dupla galaico asturiana subiu ao podio situado na localidade lucense de Viveiro para celebrar a terceira posición da clasificación xeral e un segundo posto entre os vehículos da categoría R5/Rally2, o que lle serve para escalar posicións na xeral do Campionato Galego de Rallies e manterse como segundo clasificado no Trofeo R5 Recalvi.
O palense Luís Vilariño celebraba este bo resultado tras unha dura xornada: “Estou moi contento de conseguir este resultado. Viñamos de vencer no Bierzo nunha fin de semana no que a choiva e a néboa tamén marcaron a pauta, así que manter esta liña positiva é bo para o equipo. O Hyundai i20 R5 cada vez está máis da nosa man, e tan só unha incidencia co cubre cárter nos primeiros compases, impediunos estar máis preto nos tempos dese bucle. A partir de aí rodamos máis cómodos, marcando moi bos rexistros, polo que temos plena confianza en que aos poucos nos meteremos na pelexa pola vitoria entre os vehículos da nosa categoría".
Ademais, indica que "a sección matinal estivo marcada pola ameaza de choiva, mentres que pola tarde tivemos xa moita néboa e auga nos tramos. Foi unha fin de semana complicada no que realizamos un gran traballo que nos dá moral para as seguintes citas do noso calendario deportivo. Quero dar as grazas a todos os patrocinadores que nos apoian, aos que dedicamos este podio e aos que esperamos poder brindar máis e mellores resultados no que resta de tempada.”
A clasificación Rallye Mariña Lucense:
Víctor Senra – David Vázquez Citroën C3 WRC 1:02:27.580 sg
Alberto Meira – Avelino Martínez Skoda Fabia Rally2 1:03:33.439 sg
Luis Vilariño – Enrique Velasco Hyundai i20 R5 1:04:57.911 sg
Comments