O palense Luis Vilariño e Enrique Velasco gañan o Rally do Bierzo
- Laura Moure
- 8 may 2023
- 2 Min. de lectura
Laura Moure/Palas de Rei
Obxectivo cumprido para Luís Vilariño e Enrique Velasco en terras bercianas, onde subiron todo o máis alto do podio tras impoñerse con claridade nunha cita na que as choivas complicaron moito as condicións duns tramos, nos que o Vilariño Team soubo xestionar en todo momento o ritmo. En segundo lugar quedou Félix Macías e Alejandro Portela e o terceiro posto foi para Fernando Prada e Patricia Saiz

A trixésima edición do Rallye do Bierzo escribiu ao piloto de Palas de Rei no seu palmarés tras unha dura loita cos equipos locais, que apertaron ao máximo á dupla Vilariño – Velasco que aos poucos vai mellorando as súas sensacións a bordo do Hyundai i20 R5. Con este triunfo o equipo chegará coa moral alta á seguinte cita do Campionato Galego de Rallies, o Rallye Mariña Lucense, que se celebrará a próxima fin de semana na costa norte de Galicia, co firme obxectivo de optar aos postos de honra.
“Foi unha fin de semana especialmente complicada, sobre todo na mañá do sábado, xa que choveu con moitísima intensidade e onde no primeiro bucle tivemos problemas coa lúa dianteira ao empañarse, o que nos restou moita visibilidade. Estou realmente contento de como nos estamos adaptando á condución do Hyundai i20 R5, é un coche cun potencial impresionante, non deixa de sorprenderme e aos poucos estamos a ser capaces de rodar máis cómodos con el. Ademais, aquí estreamos melloras como un novo motor xunto a unha revisión que nos axudou a ser máis competitivos", recalca Vilariño.
Ademais, sinala que "esta fin de semana tivemos a oportunidade de traballar en novos reglajes para situacións tanto de choiva e como para tramos secos e rápidos, así que foi unha gran fin de semana para recompilar información, ademais de acabar sumando unha vitoria fronte a uns rivais que teñen un gran nivel e que coñecen o terreo á perfección, así que debemos estar satisfeitos. Agora, case sen descanso, toca traballar para saír a por todas a próxima fin de semana na terceira cita do Campionato Galego de Rallies, onde imos tentar sumar un bo resultado para meternos na pelexa polos postos de honra da clasificación xeral do certame autonómico. Quero dar as grazas a toda a afección que estivo apoiando nos tramos, pois foi realmente complicado tanto para os equipos como para eles, e ver como se volcan miles de afeccionados co noso deporte é realmente satisfactorio.”
Comentarios