O seu estado era lamentable e estaba cheo de fendas
Laura Moure/Agolada
O goberno local de Agolada está acometendo con fondos propios distintas actuacións para conservar todos aqueles elementos da arquitectura popular. Ademais dos lavadoiros, xa está traballando no arranxo dos palcos da música. O primeiro deles foi o do lugar de Buxel, na parroquia de Artoño.
Este estaba nun estado lamentable e agora presenta unha imaxe renovada. Toda a estrutura, incluído tamén o teito, estaba chea de fendas. Isto provocaba que estivese caendo a anacos, ademais de que a humidade estaba deixando pegada debido a que se filtraba a auga. Ademais de arranxar a súa estrutura procedeuse a pintalo. Así mesmo, o alcalde, Luis Calvo, sinala que se recubrirá cun tellado para evitar que a choiva volva a afectalo.
O estado que presenta agora o palco de Buxel e foto de detalle de como estaba.
“Esta actuación é só o principio porque pretendemos arranxar todos aqueles que estean en mal estado”, apunta o mandatario. “Sabemos que agora as grandes orquestras xa teñen o seu propio palco, pero estes deben dar servizo as formacións máis pequenas. E ademais, o noso obxectivo é conservar e protexer todos aqueles elementos que conforman o noso pasado e que son identificativos da nosa cultura. Non os podemos perder”, recalca Calvo.
Misas
Precisamente, este martes e mércores, 5 e 6 de outubro, celébranse as festas de Buxel na
honra ao Anxo da Garda, que cada ano atrae a fieis de distintas zonas do municipio e tamén dos concellos limítrofes. O primeiro día haberá catro misas, unha cada hora dende as 10:00 ás 13:00 horas, e o segundo, só ás 11:00 e ás 13:00 horas.
Comments