"O PAC de Lalín estivo varias horas desatendido mentres se inauguraba o CIS", afirma o BNG
- ecosdacomarca
- 12 oct 2024
- 4 Min. de lectura
Asegura que non só quedeu sen médicos, senón sen ambulancia tamén
Ecos da Comarca/Lalín
O BNG de Lalín sinala que "por desgraza non lle fixo falta agardar uns días para acreditar que as súas denuncias sobre a precaria situación sanitaria que padece este concello e comarca eran certas e polas que precisamente non acudimos ao acto electoral de inaguración do CIS por pura coherencia e para non ser cómplice dunha situación que os nacionalistas vimos denunciando desde hai moito tempo", apunta o seu voceiro municipal, Paco Vilariño. Denuncian os nacionalistas que mentras se producía "o acto de propaganda
pagado con cartos públicos, o Centro de Saúde quedou ao redor das 20:00 horas sen médicos durante varias horas, debido a que tiveron que saír a distintas urxencias. Mais a este novo despropósito hai que sumarlle que unha delas requería pola súa gravidade dunha ambulancia, que ao non existir ningunha disponible nese momento fixo que o facultativo tivese que desprazarse en taxi sen saber co que se ía atopar e obviamente coa clara merma de atención adecuada para o paciente".
Vilariño denuncia "a falta de vergoña dun PP que non ten reparos en mentir e convertir a inaguración do CIS nunha auténtica farsa, xa que é unha situación que se repite de maneira habitual que o PAC de Lalín se atope varias horas desatendido, tanto a nivel de persoal (médicas e enfermeiras como de medios de transporte sanitario)".
O voceiro municipal cualifica este feito de "gravísimo” e lembra que é urxente tomar medidas porque “estamos a falar de vidas humanas que non poden depender do factor sorte". Vilariño fai fincapé en que “faltaría máis que non teñamos un novo centro cando o actual está a punto de caer, o que queremos é que se dote de persoal, medios e especialidades, non só un simple cambio de ubicación”.
O BNG recolle deste xeito as queixas que lles trasladaron numerosos afectados e efectadas que non puideron ser atendidos no PAC ante a ausencia de persoal sanitario. Relata Vilariño, “foron numerosas persoas: pais e nais cos seus cativos, persoas maiores, etc que tiveron que marchar ao ver que non había médicos e comunicarlles desde o centro que non sabían canto tempo ían estar nesas condicións”.

Ao chegar ao centro eran informados polo celador que, ante a situación de duración no tempo, tiñan dúas opcións: a de irse ao CHUS ou marchar para casa. Tras presenciar esta desoladora realidade, houbo xente que, tras mostrar a súa indignación co sucedido, se marcharon en busca de atención médica ao hospital de Compostela. Outros agardaron horas en ser atendidos, pois tiveron que agardar o seu turno cando un PAC saturado de pacientes pola situación, volveu a ter á fronte un médico.
Lembran os nacionalistas que a asistencia urxente é clave para reducir a mortalidade diante de episodios como ictus, una parada cardiorrespiratoria, un politraumatizado ou un infarto. Nestos casos os tempos, estimados dependiendo da doenza entre 15 minutos a una hora, son claves para que o paciente poda salvar a súa vida ou non quedar con graves secuelas.
Apunta Vilariño que “isto xa non é algo puntual”, sinala, "senón usual”. Ao tempo lembra a importancia que ten o PAC na atención sanitaria da zona, xa que atende a catro municipios como son Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón cunha poboación elevada, dispersa e envellecida. Ademais, agás o de Santiago, é o que ten un maior número de usuarios na área sanitaria cifrándose nunha media ao ano de 20.000 asistencias. Esta situación, ademais, vese agravada diariamente polo mal funcionamento do centro de saúde polas tardes por mor da falta de persoal. Dende o BNG sinalan que isto fai que o PAC teña que atender as urxencias de tarde, “o que o satura aínda máis”. “Os profesionais dan o mellor de si”, apunta Vilariño, “pero a escaseza de medios impídelles ter unhas condicións óptimas para dar a cobertura desexable”.
Publicidade
Lembra que hai máis dun ano que se aprobou no pleno municipal unha moción do BNG para pedir que se completaran os equipos do PAC con, cando menos, un enfermeiro máis sen ter resposta a día de hoxe por parte da Xunta. En calquera caso urxe a tomar medidas “porque, se non, están privando á cidadanía dun servizo fundamental para que non haxa que trasladarse a Compostela, o que tamén satura no CHUS as urxencias". Afirma Vilariño que estas son as consecuencias dunha nefasta política de recortes en sanidade do PP, que está condeando á cidadanía de Lalín a non ter una atención pública de calidade, deixándolle en moitos casos a única saída de verse condeada a ir á privada, se evidentemente a súa situación económica o pode permitir”.
“Isto non pode seguir así”, conclúe, “non poden xogar coas vidas da veciñanza e non pode pasar un día máis sen que se poñan os medios para que a veciñanza teña unha cobertura digna", polo que anuncia que levarán ao Pleno municipal e ao Parlamento galego este tema "coa esperanza de que o PP deixe de votar en contra (como fixo en múltiples ocasións nos últimos anos) e teña solución".
Comments