top of page
Foto del escritorLaura Moure

O obradoiro de emprego Camiño de Santiago I reforza a promoción turística de Palas e Monterroso

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou que a Xunta destina 353.000 euros a esta iniciativa, que tamén traballa no embelecemento de zonas verdes


Laura Moure/A Ulloa

O obradoiro de emprego Camiño de Santiago I contribúe a reforzar a promoción turística dos concellos participantes, Palas de Rei, Monterroso e Portomarín, coa elaboración ou actualización de guías informativas acerca dos principais recursos de cada municipio. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos alumnos que realizan esta función en Portomarín -acompañado do alcalde, Juan Serrano, entre outros- e destacou a importancia de “ordenar a información turística e presentala de forma útil, accesible en diversos formatos e con todos os datos de interese para que resulte fácil moverse polo territorio”.


Arias gabou o acerto do obradoiro de “reforzar a atención ao visitante e impulsar o embelecemento dos espazos públicos para aproveitar ao máximo este Xacobeo bianual”. Neste sentido, lembrou que tamén traballaron no acondicionamento dunha decena de zonas verdes e xardíns nos tres municipios.


O delegado sinalou que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 353.000 euros nesta iniciativa, que rematará a mediados de setembro e entra na súa recta final coa gran maioría dos proxectos concluídos. Tras superar o período de aprendizaxe teórica e práctica, os 20 alumnos traballadores recibirán o certificado de profesionalidade oficial que os acredita para exercer o oficio en calquera parte do Estado.


A Consellería resolverá proximamente as axudas para a posta en marcha de novos obradoiros duais, que ofrecen aos participantes experiencia laboral a través dun contrato de traballo en profesións con boas perspectivas de empregabilidade; para os concellos promotores supoñen a posibilidade de acometer obras e servizos de interese social en beneficio da comunidade.

0 comentarios

Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page