As novas dependencias, situadas na rúa Progreso, poderán visitarse de 10:00 a 22:00 horas
Laura Moure/Silleda
O vindeiro sábado día 4 de novembro Silleda celebrará unha xornada festiva con motivo da inauguración da nova Casa do Concello, no reformado edificio municipal que durante anos
albergou a Casa da Cultura, situado entre as rúas Progreso e Morón. Durante todo o día, en horario de 10:00 a 22:00 horas, o edificio terá as portas abertas para que toda a veciñanza poida achegarse a coñecer as dependencias da nova casa consistorial. Tamén no mesmo horario se servirá chocolate con churros a todas as persoas visitantes.

A xornada completarase con actividades lúdicas e musicais. Así, ás 11: 30, dará comezo o inicio do programa festivo ca actuación do grupo de música e baile tradicional Xirandola. Os actos oficiais están previstos para as 12:00 horas, aos que seguirá a actuación conxunta das dúas bandas de música do municipio, a Banda de Música Municipal de Silleda e a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.
Publicidade
Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas haberá animación de rúa no entorno do novo edificio e ás 20:00 horas comezará o concerto tamén con artistas silledenses. Así, actuarán o silledense Rodrígo Ramos e o grupo local Sagafuga Blues Band.
Publicidade
“Será un día moi especial para todos os veciños e veciñas do municipio de Silleda, para dar a benvida á que será a casa de todos e todas, un edificio moderno, do século XXI, no que se centralizarán os servizos municipais mellorando a atención, a xestión e logrando un maior aforro”, sinala o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando que a decisión de trasladar a esta
ubicación no consistorio se adoptou cos votos da veciñanza no referéndum celebrado o 4 de xuño de 2017.
Publicidade
Traslado posterior
As dependencias municipais de Silleda iránse trasladando a partir da inauguración de forma coordinada e progresiva para evitar que se paralice a atención á cidadanía nos distintos departamentos. A obra de remodelación, cun investimento de máis de 1 millón de euros, está cofinanciada pola Deputación de Pontevedra, que achega máis de 700.000 euros a través do programa ReacPon e a Xunta de Galicia, que aporta 250.000 euros para actuacións en materia de eficiencia enerxética.
Comments