Esta nova infraestrutura, na que se investiron preto de tres millóns de euros, conta con case 2.000 metros cadrados, un 60% máis de superficie
Laura Moure/Melide
Esta mañá tivo lugar o acto de inauguración do novo centro médico de Melide que entrará en funcionamento nas vindeiras semanas. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, así como do conselleiro de Sanidade, Julio García, a conselleira de Medio Ambiente e exalcaldesa de Melide, Ánxeles Vázquez, e Eloína Núñez Masid, xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, que estiveron acompañados polo alcalde José Manuel Pérez, e ademais doutros integrantes da Corporación municipal.
Asistentes á inauguración do novo centro de saúde de Melide.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso cun novo modelo de Atención Primaria, adaptada ás necesidades dos pacientes e con máis servizos. Nesta liña, referiuse ao novo Centro de Saúde de Melide como exemplo desa aposta. Non en van, esta nova infraestrutura, na que se investiron preto de tres millóns de euros, conta con case 2.000 metros cadrados -un 60% máis de superficie- para atender a máis de 7.000 veciños, 800 en idade pediátrica.
Logo de precisar que o Punto de Atención Continuada (PAC) dá cobertura tamén aos veciños de Toques e Santiso, chegando a 9.400 cidadáns, Feijóo precisou que as novas instalacións contarán con: cinco consultas de medicina da familia (unha máis que no anterior centro); cinco consultas de enfermaría (dous máis); unha consulta de pediatría e outra de enfermaría pediátrica; sala de toma de mostras; consulta de farmacia, de matrona, de traballo social e de odontólogo e hixienista; unha sala de educación sanitaria; e unha área de fisioterapia.
Así mesmo, resaltou que o Punto de Atención Continuada está formado por unha consulta de medicina e outra de enfermaría, ademais dunha sala de reanimación-observación, entre outros aspectos.
Durante a visita, o titular do goberno galego subliñou a aposta continuada pola Atención Primara, coa construción ou renovación desde 2009 de 86 centros de saúde, máis sete obras actualmente en marcha, o que supón un investimento de 110 millóns de euros. Ao tempo que incidiu en que o orzamento para este fin, lonxe de diminuír duplicouse, pasando de 26 millóns en 2020, a 55 millóns de euros neste 2021.
Feijóo concluíu confirmando que o Servizo Galego de Saúde está a traballar xa para definir os seguintes pasos de transformación da Atención Primaria, que dean continuidade ao plan 2019-2021, como a mellora das axendas, con criterios homoxéneos que teñan en conta as características socio-demográficas ou a cronicidade.
O titular do goberno galego aseverou que a Xunta seguirá comprometida coa comarca, destacando a reforma inmediata do CEIP Melide Nº1, cun investimento de preto dun millón de euros, así como a posta en marcha de novas obras relacionadas co saneamento e abastecemento en distintas parroquias do concello.
Pola súa banda, o mandatario melidense, José Manuel Pérez, sinalou “que o novo Centro de Saúde convértese en referencia non só para a nosa poboación senón tamén para os veciños e veciñas dos concellos de Toques e Santiso”, e na mesma liña, engadiu “ a saúde debe ser prioritaria e polo tanto Melide, como cabeceira de comarca, tiña que ter unha infraestrutura acorde as necesidades existentes”.
Por último destacou “o esforzo realizado por todas e cada unha das administracións, empresas e sanitarios e sanitarias que puxeron o seu grao de área para que hoxe Melide conte cun Centro de Saúde de vangarda no que se ofrecerán servizos sanitarios de primeiro nivel a máis de 9000 persoas".
Mentres, a voceira e exalcaldesa de Melide, Dalia García, tamén celebra esta inauguración. "Nunca esquecerei o indiscutible apoio, incondicional, de todos e cada un dos meus concelleiros e concelleiras daquel entón, empeñados, en cada pleno, a chegar ata o final, custase o que custase para esixir, o que era de xustiza para Melide sen importarlles as consecuencias. Eles e elas sabeno ben…nunca llelo agradecerei o suficiente. Horas e horas de expedientes… Hoxe estou feliz, porque o traballo sempre, sempre, ten a súa recompensa. Permítome facervos partícipes da miña alegría porque é unha mellora no servizo sanitario para moita xente. Deso trata a política, de mellorar a vida das persoas", recalca.
Inauguración do novo centro de saúde de Melide.
Comments