"Vimos duns anos nos que se paralizaron moitas actividades culturais, polo que é necesario reactivar o tecido dende a base, propoñendo actividades e eventos que poidan ser de interese para a comunidade"

ENTREVISTA Á ASOCIACIÓN CULTURAL CHOUSA VELLA DE BOIMORTO
Laura Moure/Boimorto
Boimorto acollerá este sábado, 22 de outubro, o I Festival da Chousa que reunirá a distintos grupos musicais. Esta cita está organizada pola Asociación Cultural Chousa Vella da cal quixemos saber máis.
1. Cando nace a Asociación Cultural Chousa Vella?
Pois nace o ano pasado, cando un grupo de amigas e coñecidas nos xuntamos para crear un espazo no que desenvolver alternativas culturais, naturais e de ocio dirixidas á veciñanza e contorna.
2. Por que ese nome?
O nome da asociación débese ao lugar no que temos a nosa «sede», a Chousa Vella de Sendelle, en Boimorto. Ao comezar a nosa andadura nese lugar, non lle demos moitas voltas e quedou ese nome, tamén para o festival que celebramos esta semana.
3. Cales son os seus obxectivos?
Temos tres piares, un deles ofrecer un espazo do que xa falamos, co local que temos en Sendelle, para que a xente poida xuntarse, ensaiar e ou pasar o tempo. O segundo sería a cultura, organizando actividades e eventos para os veciños. E o terceiro, as accións ambientais e en relación coa natureza, aprendendo do medio para preservalo.
4. Quen formades parte do colectivo?
A maioría de nós somos xente de Boimorto, aínda que tamén hai membros de Curtis, Teixeiro, Vilasantar, Melide, Arzúa… Estamos asentadas en Boimorto, pero a nosa idea é poder organizar e facer actividades que cheguen a outros concellos, polo que todo o mundo é benvido.
5. O vindeiro 22 de outubro organizades o I Festival Da Chousa. Fálame desta cita.
Este é o primeiro evento que organizamos, polo que estamos moi ilusionadas. Levamos traballando nel bastante tempo, tanto para preparalo como para conseguir a financiación necesaria, xa que non contamos con ningunha subvención. Aquí foi de gran axuda a implicación da xente, aportando doazóns ou mercando rifas, polo que estamos moi agradecidas. En canto á festa, esperámosvos a todas na Telleira de Boimorto arredor das nove. Temos un lote de bandas, a maioría delas da comarca. En canto ao estilo, aínda que predomina o rock, temos un pouco de todo. Temos a sorte de contar cunha banda que leva
máis de vinte anos en activo como ITH, sendo un clásico do rock en galego. Tamén sempre en galego, pero máis metaleiros, Nuada, que sacaron o seu segundo disco o ano pasado. Para os máis punkarras, imos traer á xente da Banda de atraco e Kasete. Xa para rapear, temos a Kwartzo, mentres que Ital Roots poñerán a tónica xamaicana. Ímolo pasar moi ben.
6. Como está sendo a aceptación deste evento por parte da xente?
Pois por comentarios que nos chegan dende as redes sociais e pola rúa, vemos que hai ganas dun evento deste tipo, está tendo moi boa acollida. O máis bonito de organizar estas iniciativas é ver como a xente se ofrece e presta axuda mesmo cando non o pides nin o esperas, así que sentímonos moi reconfortadas nese sentido.
7. Que outro tipo de actividades realizaredes?
Inicialmente, queríamos contar cun local para ensaiar e que funcionase como punto de encontro, función que cumpre o local de Sendelle. O local e os instrumentos cos que contamos están á disposición de todo aquel que os queira usar. Aquí tamén temos unha biblioteca, ademais de atoparse nun lugar privilexiado, cunha fraga de árbores autóctonas
pola que sempre é unha gozada poder pasear. En canto ás actividades, agora estamos co festival, que é o noso primeiro evento, pero temos en mente organizar andainas, obradoiros, charlas e outros eventos nos próximos meses. Estamos empezando, así que calquera idea, proposta ou axuda de quen queira colaborar connosco será ben recibida!
8. Como de necesaria é unha asociación como a vosa para dinamizar o rural?
Moi necesaria e máis nestes tempos. Vimos duns anos nos que se paralizaron moitas actividades culturais, polo que é necesario reactivar o tecido dende a base, propoñendo
actividades e eventos que poidan ser de interese para a comunidade nun contexto no que
non abundan as alternativas deste tipo.
9. Como se pode facer socio do colectivo?
Pois calquera pode colaborar ou propoñer o que queira poñéndose en contacto connosco. Tamén fixemos uns carnés para socias para quen poida contribuír economicamente, cun prezo de vinte euros e descontos para desempregadas, menores e familias.
コメント