O museo de Monterroso inaugurarase o sábado, día 1
- Laura Moure
- 29 mar 2023
- 2 Min. de lectura
O centro conta con espazo para exposición permanente, mostras temáticas, almacén e obradoiro e albergará as pezas doadas polo crego Carlos Méndez
Laura Moure/Monterroso
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe o novo museo de Monterroso cuxa creación foi impulsada pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración coa Administración local dotado con 200.000 euros. Tal e como salientou o responsable autonómico de Cultura, en virtude desta colaboración o concello lugués “incorpora un novo recurso cultural que enriquece a oferta do seu municipio ao tempo que se divulga a actividade comercial de Galicia no Antigo Réxime”. Ademais, segundo explicou, o centro permitirá expoñer e poñer en valor as pezas doadas polo crego Carlos Méndez e crear un Centro de Interpretación da Feira de Monterroso.

Así, o novo museo alberga restos históricos de diferentes épocas, algúns prehistóricos e outros atribuíbles a diferentes etapas e movementos artísticos, e de moi diferentes temáticas, como culinaria, espiritual, festiva, artística ou documental, entre outras. Este novo proxecto expositivo está pensado para todos os públicos, incluíndo tamén os investigadores que poderán estudar pezas singulares de distintas épocas, así como visitantes e peregrinos do Camiño Francés, coa intención de dinamizar a súa experiencia.
Situado no antigo centro de saúde, o centro dispón de tres andares que permiten unha exposición permanente, exposicións temáticas, almacén, obradoiro de restauración e intervención das pezas que o necesiten ou un arquivo documental.
A inauguración de dito espazo será o sábado ás 17:00 horas. Dende o Concello de Monterroso realizaron un forte traballo durante meses para que o Centro de Interpretación: Monterroso, a vila das feiras sexa unha realidade. "Non obstante, se alguén merece o protagonismo e recoñecemento arredor deste proxecto cultural é, por unha banda, Don Carlos Méndez que asinou a doazón con Rocío Seijas de toda a súa colección para que estea á disposición da veciñanza de Monterroso e se expoña neste espazo cultural. Pola outra banda, está María José Gómez Alvite, unha recoñecida historiadora e filóloga da vila que foi a promotora deste proxeto e será a encargada deste Centro de Interpretación: Monterroso, a vila das feiras", sinala o Concello.
A alcaldesa, Rocío Seijas, anima a toda a veciñanza a acudir este sábado ás 17:00 horas á inauguración deste espazo cultural do que forma parte a historia de todo o pobo. Este día foi escolmado por ser día de feira, unha das grandes temáticas que trata este Centro de Interpretación.
Comments