O mundo da música chora a José Lodeiro Gesto
- Laura Moure
- 28 may 2024
- 3 Min. de lectura
Foi director de bandas das comarcas como a Banda de Música Isabel II de Touro ou Banda Recreativa e Cultural da Bandeira
Laura Moure/Xeral
O mundo da música chora hoxe ao compañeiro, amigo, e en moitos casos mestre e director, José Lodeiro Gesto. As formacións musicais quedan orfas tras a marcha desta persoa que foi fundamental para varias das bandas destas comarcas e que sen dúbida, deixa unha gran pegada nelas. Das comarcas Lodeiro foi director da Banda de Música Isabel II de Touro ou da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.

A Escola de Música de Touro naceu no ano 1999 froito da iniciativa do Concello de Touro e de precisamente de José Lodeiro Gesto, tal e como recolle a propia Federación Galega de Bandas de Música Populares, quen asumiu a responsabilidade de pór en marcha dita Escola, onde se impartían, nun primeiro momento, clases de solfexo, para proseguir nos vindeiros anos ca creación dunha Banda. Deste xeito naceu a Banda Escola de Música “Isabel II” de Touro, que realizou a súa presentación pública o 26 de maio de 2002, baixo a batuta de José Lodeiro Gesto e cun total de 60 músicos.
Dende entón, a Banda participa en actuacións por toda a xeografía galega, e dende o ano 2003 encárgase de organizar, anualmente, Certames de Bandas en Touro nos cales teñen participado algunhas das bandas máis destacadas da nosa comunidade. Outra das iniciativas da Escola foi a creación dunha Banda Xuvenil composta polos máis cativos da Escola, dirixida por Alberto Penas Esperante, profesor de clarinete, iniciativa que tivo unha grande acollida, realizando a súa presentación o 5 de Xuño de 2005. Dende o 1 de maio do ano 2008 ata mediados do 2009, a batuta desta agrupación pasou a mans de Alberto Penas Esperante, profesor de Clarinete, volvendo a collela posteriormente José Lodeiro Gesto, dende o 2009 ata setembro do 2015, seguindo como profesor de trombón.
Publicidade
Despois dende o 2015 ao 2018 foi o director da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira (Silleda).
Hoxe son moitas as mostras de cariño dos seus alumnos e compañeiros a través das redes sociais. Compartimos só algunhas das publicadas por algunhas formacións:
"Hoxe a Banda de Touro despide co corazón encollido ao noso antigo director, compañeiro e amigo, José Lodeiro Gesto. Fomos moitos os/as músicos de Touro e arredores que estivemos baixo a túa batuta e aprendimos contigo, e son eses momentos e lembranzas as que perdurarán por sempre en todos e todas nós. Todos e todas as que estivemos vencellados a ti, botarémoste de menos. Dende a Banda de Música Isabel II de Touro mandamos un forte abrazo para a familia e amizades, sobre todo a Vane, que xunto con Jose, son unha parte moi importante na nosa historia. Gracias por todo, mestre, voa alto", sinala a Banda de Música Isabel II de Touro.
"Hoxe coñecemos a triste nova do falecemento do noso antigo director Jose Lodeiro. Todo o ánimo para familia e amigos. Que a terra che sexa leve, maestro", lamenta a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.
Publicidade
"Lamentamos profundamente o pasamento de José Lodeiro Gesto. Dende moi novo, José estivo vinculado ás bandas populares, deixando unha pegada imborrable nas agrupacións nas que exerceu de músico, profesor e director. Sempre comprometido coa cultura bandística, tamén formou parte da directiva da FGBMP. Aínda conmocionados pola súa repentina partida, queremos expresar as nosas máis sentidas condolencias aos seus familiares, á súa familia musical e a todos os que, co seu falecemento, sentides a perda dun amigo, excelente músico e mellor persoa. Moitas grazas, Jose", apunta a Federación Galega de Bandas de Música Populares
"Lamentamos o falecemento de Jose Lodeiro Gesto. Sempre comprometido co mundo das Bandas de Música Populares, como músico, director e tamén como profesor. Queremos expresar as nosas máis sentidas condolencias aos seus familiares, e amigos", indica a Banda Municipal de Silleda.
D.E.P.
Comentarios