O Movemento Veciñal de Touro propón un estudo que leve á oficialición do Camiño de Santiago
- ecosdacomarca

- 1 abr 2022
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Touro
A importancia desta variante do Camiño Francés foi defendida por ICOMOS, o organismo internacional que no 2018 elaborou un informe sobre a situación do Camiño de Santiago no marco da súa denominación como Patrimonio da Humanidade. Dende que o informe vira a luz, o Movemento Veciñal de Touro traballou para dar cumprimento das demandas trasladadas por ICOMOS. "Demandas que sempre bateron coa posición do Goberno de Touro que, encabezado por Codesido, non semella ter interese en que o Camiño de Santiago deixe a súa pegada no territorio e vida económica do municipio".

"Tal desinterese plasmouse ó longo da vixente lexislatura coas votacións en Pleno das propostas do Grupo Veciñal, que reclamaban a inclusión do trazado do Camiño no PXOM e a protección do mesmo como Ben de Interese Cultural (BIC), así como a tramitación para o recoñecemento da variante histórica como tramo oficial do Camiño Francés". Así, sinala que o grupo municipal só obtivo o apoio á contratación dun "estudo técnico que o goberno executou sen o máis mínimo rigor, pola vía da baixa económica no custo de contratación, e que se traducíu nun traballo absolutamente deficiente e na falla de conclusión algunha sobre a situación do trazado, basicamente outro regalo de diñeiro público en forma de contrato menor".
Agora, no Pleno celebrado o venres 18 de Marzo, o Grupo Veciñal conseguíu o apoio dos demais membros da corporación para que o Concello de Touro encargue a elaboración dun estudo interdisciplinar que permita clarificar o itinerario exacto do Tramo Histórico do Camiño de Santiago ó seu paso de Arzúa a Arca por Beseño e Quión, e dar cumprimento ás demandas de ICOMOS de recuperalo física e funcionalmente como vía de peregrinación a Compostela.
O Movemento Veciñal de Touro agarda que "desta vez o goberno municipal non lle dé as costas ó informe do organismo asesor da UNESCO e ó Camiño de Santiago, e traballe con seriedade para que Touro forme parte dun dos principais motores económicos, sociais e culturais de Galicia".






Comentarios