O Movemento Veciñal de Touro demanda que se utilice o remanente para a creación dun centro de día
- ecosdacomarca

- 17 jun 2022
- 2 Min. de lectura
Ademais, solicita unha subida das axudas ás comisións de festas, a reparación da Ponte Remesquide ou o encargo dun estudo sobre os recursos hídricos do concello
Ecos da Comarca/Touro
O Movemento Veciñal de Touro, principal grupo da oposición, levará varias propostas ao pleno entre as que destacan a utilización do remanente municipal para a creación dun centro de día, a subida das axudas ás comisións de festas, a reparación da Ponte Remesquide ou o encargo dun estudo sobre os recursos hídricos do concello.

"O concello de Touro debaterá sobre o uso de máis dun millón de euros de remanente que o goberno local pretende utilizar en varias obras consistentes en aceras e asfaltados de vías secundarias. O Movemento Veciñal de Touro defenderá unha proposta alternativa para priorizar eses cartos na creación dun centro de día, a posta en marcha dun punto limpo ou a ampliación do horario do Punto de Atención á infancia que redunde nunha mellora da conciliación para as familias de Touro", subliña.
Por outra banda, outras das propostas "é a de polo menos duplicar as axudas ás comisións de festas xa que o crédito orzamentario do ano pasado non se gastou e os gastos incrementáronse de xeito notable. Tamén solicitaremos que se aplique con carácter retroactivo ás festas que xa se celebraron durante este ano 2022".
Por outro lado, demanda o arranxo da ponte Remesquide. "As torrenciais choivas de primavera completaron a destrución, xa avanzada previamente, do asfalto da ponte Remesquide, unha infraestrutura importante para a comunicación do concello de Touro con Vila de Cruces e a provincia de Pontevedra, e moi empregada polos veciños de ambos municipios. Por isto propoñeremos o seu arranxo inmediato".
E por último, abordarán un estudo sobre os recursos hídricos da zona. "Ante a tendencia á desertificación do solo en xeral na península ibérica, e ante a contaminación e o descoido dos recursos hídricos do ámbito territorial de Touro en particular, fanse precisas actuacións que garantan a sostibilidade dos usos da auga e a protección das fontes naturais deste recurso", indica. "Para poder realizar tales actuacións é necesario ter coñecemento profundo da situación destes recursos no territorio do concello e para iso precísase un estudo que determine o seu estado e as medidas a tomar para tal protección ou optimización do seu uso".






Comentarios