Laura Moure/Silleda
O mosteiro de Carboeiro de Silleda contará con entrada libre este venres 17, Día das Letras Galegas. Deste xeito adiántase tamén a xornada do Día dos Museos, que se celebra o sábado 18, xornada na que o mosteiro románico estará pechado ao público por mor do paso do Rallysprint polas estradas da zona.
Na xornada do venres o público poderá disfrutar tamén do concerto Voces de Carboeiro (17:30), organizado polo Coro Vales Mahía e que nesta ocasión estará acompañado polas Coral Polifónica do Casino do Carballiño e o Orfeón de Voces Graves da Arousa.
O horario de visita ao mosteiro a día de hoxe é de 11:00 a 14:30 horas e de 16:30 a 19:00 horas. En canto se incorpore a nova persoa que se contratará como guía turístico a través da subvención da Deputación de Pontevedra (para atención do Punto de Información da Rede Info Rías Baixas), aplicarase o horario de verán con apertura ata máis tarde.
Máis de 1.360 visitas en abril
O Mosteiro de Carboeiro recibíu un total de 1366 visitas no pasado mes de abril. O perfil turístico neste mes foi moi similar ao que se vén rexistrando. A maioría foron mulleres maiores de 45 anos que coñecían o antigo cenobio ou facendo unha busca na rede, vírono e quixeron visitalo, achegándose no seu vehículo particular e coa familia ata o mesmo. Ademaís, unha pequena porcentaxe (15%) decidíu facer o Sendeiro do Deza que comunica a Fervenza da Toxa co Mosteiro e, polo tanto, chegaron a pé.
No tocante á orixe, a procedencia das visitas foi moi variada, como soe ser habitual. A porcentaxe máis alta foi a de persoas galegas (78%), as cales pertencían na súa maioría á provincia de A Coruña, máis concretamente as cidades de Santiago de Compostela (249 persoas) e A Coruña (123 persoas). En canto ás visitas procedentes de España, non galegas, foron máis de 200 persoas procedentes sobre todo das comunidades de Madrid, Andalucía e Castela A Mancha. Finalmente, do extranxeiro achegáronse máis de 45 persoas procedentes de lugares como Portugal, Alemaña ou Arxentina.
Publicidade
Por outra banda, o Concello informa que o Clube do Centro Social dos Maiores organiza para o xoves 16 de maio no centro social de Silleda a actuación de Carlos Manteiga. Esta cita musical será de 19:00 a 22:00 horas. O prezo da entrada é de 4 euros por persoa.
Ademais, o servizo de recollida de papel-cartón que se realiza porta a porta cada semana por parte de Silleda Sostible, adiántase ao xoves 16, xa que o venres, día habitual no que se fai a recollida, é festivo. Así mesmo, prégase aos establecementos usuarios deste servizo que procuren deixar o papel-cartón na porta a primeira hora da mañá.
Comments