Os visitantes procedían de distintos puntos de Galicia, e accederon ao recinto de xeito escalonado cumprindo cos protocolos sanitarios vixentes
Laura Moure/Silleda
O mosteiro de Carboeiro volveu centrar a atención de moitos visitantes durante as xornadas da Semana Santa como viña acontecendo nos últimos anos. Logo da súa reapertura o pasado 17 de febreiro e cumprindo sempre cos aforos e medidas de prevención vixentes, o mosteiro románico segue a consagrarse como un dos puntos máis visitados da comarca do Deza.
Nos últimos cinco días, dende o mércores 31 e ata o domingo de Pascua, pasaron polo cenobio de San Lourenzo un total de 785 persoas. A xornada de maior afluencia foi o sábado, con 301 visitas, seguida do domingo de Pascua, con 182; outras 138 do venres; 79 o xoves e 85 na xornada do mércores.
A maioría das persoas acudiron en familia, procedentes de distintas localidades galegas e cidades como Pontevedra, Santiago, A Coruña ou Ourense e respetando sempre as normas de acceso vixente. Aínda así, a cifra de visitantes é menor ca da última Semana Santa na que abriu o mosteiro, en 2019 (xa que en 2020 estivo pechado durante o
confinamento), cando accederan ao mosteiro case 900 persoas.
A última fin de semana de marzo o mosteiro estivo pechado ao público pola gravación da serie Un asunto privado, que está a rodar a productora Bambú para Amazon en distintos escenarios galegos.
A día de hoxe o mosteiro está aberto ao público de mércores a domingo en horario de 11:00 a 14:30, e de 16:30 a 19:00 horas. Pese a que só le leva rexistro das persoas que acceden ao mosteiro, onde se atopa a oficina de Turismo, integrada na Rede Info Rías Baixas, tamén son moitas as persoas que se achegan ata o entorno do mosteiro, para
disfrutar á beira do río Deza de paraxes como a Ponte do Demo, o muíño ou a senda botánica arredor do edificio monacal.
Commentaires