top of page

O Mosteiro de Carboeiro acollerá o espectáculo “Treides Comigo!” de Xoán Curiel o 11 de outubro

A lírica medieval galego-portuguesa será protagonista da xornada neste enclave patrimonial


Laura Moure/Silleda

O 11 de outubro ás 18 horas, o Mosteiro de Carboeiro de Silleda converterase nun espazo privilexiado para a música coa chegada de “Treides Comigo!”, o innovador proxecto artístico de Xoán Curiel arredor da lírica medieval galego-portuguesa. Este espectáculo, da man de Turismo de Galicia coa colaboración do Concello de Silleda, propón unha viaxe musical que conecta as cantigas dos séculos XII ao XIV cunha mirada contemporánea, ofrecendo ao público unha experiencia única que combina tradición e modernidade. A entrada é de balde.

ree

“Treides Comigo!” é unha proposta na que as cantigas medievais galego-portuguesas cobran nova vida grazas ás composicións e arranxos de Xoán Curiel e a súa banda. Cun repertorio que se renova en cada directo, o concerto convida a redescubrir o noso patrimonio inmaterial a través dunha linguaxe musical actual e vibrante.


O público terá ocasión de escoitar versións contemporáneas de trobadores medievais e cantigas vinculadas aos Camiños de Santiago, ademais de coñecer curiosidades sobre os autores da época, as formas poéticas empregadas e as lendas que rodean estas creacións.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Para esta ocasión, Xoán Curiel estará acompañado de destacadas e destacados músicos procedentes da música clásica, do folk, das músicas do mundo e do jazz: Iris Gey (voz), Bleuenn Le Friec (harpa clásica), Carlos Freire (percusións), Bea López (clarinete) e Álex Salgueiro (frauta traveseira).


Dende a súa estrea, “Treides Comigo!” recibiu unha excelente acollida en diferentes escenarios galegos, estatais e internacionais, con actuacións en espazos emblemáticos como a Igrexa de Bonaval en Compostela (TradFest), o Teatro Rosalía de Castro da Coruña (Premios Opinión 2024), o Festival de Teatro Clásico de Almagro, o Castelo de Vimianzo (Ciclo Espazos Sonoros), o Museo do Mar de Galicia en Vigo, ou o Salón Nobre de Braga (Portugal), entre moitos outros.



PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Xoán Curiel é un artista galego que destaca pola súa liberdade creativa e a capacidade de tecer pontes entre tradición e contemporaneidade. Con máis de vinte anos de carreira e sete discos publicados, levou a súa música a múltiples escenarios de Galicia, Portugal e Latinoamérica, consolidándose como unha das voces máis singulares do panorama actual. Dende o Concello de Silleda anímase ao público a disfrutar desta proposta musical e cultural nun entorno único.



Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page