O Mosteiro de Carboeiro abre todos os días co horario de verán dende hoxe, 1 de xullo
- Laura Moure

- 1 jul
- 2 min de lectura
O cambio de horario chega despois dun mes de maio histórico, no que o monumento silledense bateu récord de visitas con 1.636 persoas
Laura Moure/Silleda
O Mosteiro de Carboeiro de Silleda aplicará dende hoxe, mércores día 1 de xullo, o seu horario de verán, coincidindo coa época de maior afluencia turística ao cenobio e á súa contorna e ca incorporación dun novo guía que chega a través da subvención de Turismo Rías Baixas para a atención de oficinas incluidas na rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra. Así, durante os meses de xullo, agosto e setembro, o monumento abrirá todos os días, de luns a domingo, en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 20:00 horas.

Este calendario reforzado permitirá facilitar as visitas durante a tempada estival, un período no que Carboeiro se consolida como un dos principais referentes patrimoniais e turísticos do interior de Galicia, tanto polo valor histórico e arquitectónico do antigo cenobio como pola súa integración nunha contorna natural privilexiada, xunto ao río Deza e moi preto da Fervenza do Toxa.
No propio mosteiro sitúase tamén o Punto de Información Turística integrado na Rede Info Rías Baixas, dende o que se ofrece atención ás persoas visitantes e información sobre os principais recursos turísticos do municipio.
PUBLICIDADE
O inicio do horario de verán chega ademais nun momento especialmente positivo para Carboeiro. O pasado mes de maio, o mosteiro recibiu un total de 1.636 visitas, acadando a mellor cifra rexistrada para este mes despois da pandemia e confirmando a tendencia á alza deste enclave como un dos espazos máis visitados de Silleda.
PUBLICIDADE
Dende o Concello de Silleda anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse durante o verán a Carboeiro, un lugar no que conflúen patrimonio, natureza, historia e paisaxe, e que continúa gañando protagonismo como destino de referencia na comarca do Deza.








Comentarios