Laura Moure/Arzúa
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa clausurará este venres o programa cultural Outono a escena que ofreceu un total de doce espectáculos e actividades durante as fins de semana de outubro e novembro. Durante as últimas semanas o público arzuán puido desfrutar de balde de propostas teatrais, musicais, literarias e actuacións para público infantil e familiar.
A derradeira función desta edición terá lugar hoxe, venres, 26 de novembro, co monólogo Imos poñernos serios a cargo de Víctor Grande. Víctor Grande é un cómico con máis de 13 anos de experiencia que realiza un espectáculo versátil no que mestura monólogos de humor e canción satírica acompañado da súa guitarra zurda e unha constante interacción co público.
Ademais de escribir o seu propio libro de monólogos participou en programas de televisión como Land Rober e Tú sí que vales de Telecinco e leva varios anos vinculado ao mundo da radio, colaborando en emisoras como Cadena SER e Radio Nacional de España. O seu humor é fresco, dinámico e sempre salpicado polos últimos temas de actualidade. Ademais este cómico ten unha capacidade única para a improvisación, utilizando ao público e ao que ocorre ao seu ao redor para facer crecer o seu espectáculo.
Esta actuación terá lugar na Aula 3 do Multiusos Terra do Quiexo ás nove da noite. A entrada será libre ata completar aforo e a apertura de portas realizarase media hora antes do inicio.
Comments