Congregará a un cento de alumnos, máis de 20 docentes e seis concertos
Ecos da Comarca/Agolada
Agolada volverá a ser o epicentro da percusión mundial xa que regresa unha nova edición do Merza Percusión do 25 ao 29 de xullo. O evento que dirixe a compañía de Merza Odaiko Percusión volve a Agolada con 100 alumnos, máis de 20 docentes e seis concertos que se complementarán co festival que dende o 23 ao 25 deste mes se celebra en Merza (Vila de Cruces) e que tamén organiza Odaiko.
A dirección do curso sinala que este cambio de ubicación vén propiciado para poder cumprir todas medidas para loitar contra a Covid-19, xa que en Agolada poden dispoñer de maior número e máis amplas instalacións para tal fin e tamén polo acercamento co Concello de Agolada para albergar outra vez este evento tan importante para este municipio.
Cabe mencionar que a relación entre o Concello e Odaiko se vira afectada tras a última edición, a de 2019, polos estragos ocasionados nas instalacións municipais.
En meses pasados o representante de Odaiko, Juan Collazo, solicitou unha xuntanza telemática co alcalde de Agolada, Luis Calvo, para poñer fin aos malos entendidos que se produciron na última edición. O resultado desta primeira reunión foi chegar a un acordo para comezar a colaborar de novo e volver a encher o pobo de Agolada con esta iniciativa que se vén celebrando dende hai máis dunha década.
Calvo, Collazo e Carballal durante unha reunión.
Foi un paso alentador para ambas partes, que se mostran satisfeitas de ter limado estas asperezas e de poder traballar para devolverlle a Agolada os veráns culturais, pero sempre dende unha orde e unhas directrices claras co Concello.
Ao longo destas últimas semanas Collazo mantivo outros encontros co rexedor, co tenente de alcalde, Óscar Val, ou ca concelleira de Cultura, Concepción Carballal, para consensuar a volta desta actividade. “Nós estamos encantados de que no noso pobo se celebren iniciativas como estas, pero ante todo temos que coidar as nosas instalacións, que son de todos, e non podemos permitir que as estraguen. Pero a xente falando enténdese e ademais, Odaiko comprometeuse para evitar que volvan producirse desperfectos”, apunta o mandatario.
O programa das actividades e concertos do Merza Percusión anunciaranse nos vindeiros días.
Comments