Os comercios que queiran participar poden inscribirse ata o 20 de febreiro
Laura Moure/Melide
O Mercamelide de Inverno de 2023 celebrarase na última fin de semana do mes de febreiro (sábado 25 e domingo 26). "Un ano máis, este mercado de inverno porá a disposición das e dos consumidores produtos de primeira calidade, de proximidade e a un prezo moi económico. As persoas que se acheguen ao Pazo de Congresos poderán adquirir bens de todo tipo, incluíndo fogar, roupa ou tecnoloxía e electrodomésticos", sinala o Concello.

A inscrición de comercios para esta nova edición está aberta ata o vindeiro día 20 de febreiro. Aqueles comercios que desexen participar e estean asociados á ASETEM
(Asociación de Empresarios da Terra de Melide) poden formalizar a inscrición na propia
asociación. Os negocios que non formen parte da mesma poden anotarse no
Departamento de Promoción Económica do Concello de Melide, ou enviando un correo
electrónico a promocioneconomica@concellodemelide.gal
Na edición de 2022 participaron 14 comercios da localidade cun importante volume de vendas, rexistrándose unha notable asistencia durante toda a fin de semana. En Mercamelide ofrécense, con importantes descontos, produtos diversos como mobiliario,
menaxe, produtos do fogar, seguros, decoración, calzado, lencería, mercería, produtos
deportivos, produtos de beleza, novas tecnoloxías, electrodomésticos, complementos ou
perfumería.
Para organizar os pormenores desta edición a Mesa Local de Comercio, onde está
presente a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, reunirase este xoves 26 de
xaneiro. O concelleiro de Promoción Económica do Concello de Melide, Xosé Igrexas, amosouse convencido de que “un ano máis, o Mercamelide vai supor unha importante oportunidade de negocio para o comercio local” e puxo de manifesto que “a afluencia de visitantes a cada unha destas citas amosa que a veciñanza está moi interesada nun mercado destas características durante o inverno e logo das festas de Nadal e as rebaixas de xaneiro”.
Kommentare