top of page

O medo leva á ira

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, escribe un artigo de opinión sobre a paciencia


Antón Branco Vilariño/Lalín


Artigo de opinión

Compartimos en ECOS DA COMARCA este artigo de opinión que nos enviou Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín, sobre a paciencia.

Antón Branco.
Antón Branco.

O medo leva á ira

"Dende hai tempo veño notando por aí adiante que temos pouca paciencia e deixamos que a xenreira nos afecte dun modo descontrolado. Gustaríame saber por que teño esta percepción, pero non teño nin idea; pode que sexa algún deses nesgos que ocultamos ou

quizais, como me dixo alguén, tan só estea proxectándome cara o exterior.


Na serie “Alice e Jack” que trata sobre dúas personas que se atopan nesta vida de forma

reiterada de maneiras moi peculiares, nun dos capítulos, Jack dille a Paul, o seu amigo:

“Teño dúas opcións: o camiño da aceptación ou o camiño da ira. A ira, sempre a ira. O

doado é enfadarse; é o camiño da aceptación o que distingue a unha persoa”. Isto dillo

despois de que Alice o invitase á súa boda, Alice esa persoa da que el está namorado.


Creo que quen opte, hoxe, pola confrontación a toda costa, quen sinale ese milímetro que nos afasta, quen eleve o ton a cada paso, contribúe a un estado de ansiedade e pánico e eu digo que non se florece no desequilibrio da inquietude. Hai persoas que fixeron carreira grazas á súa gran dote de sementar discordia, son mestras niso e saben apuntar e disparar ao obxectivo que mellor predicen que vai levantar ese necesario po que tragamos e que nos fai tusir de rabia.


 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Foi un político lalinense, no recordo agora quen, que dixo algo así como que compartía o 80% co seu opoñente e difería nese 20% restante. A min, esta forma de ver a vida paréceme moi acaída. Non se trata de agrandar o que nos separa senón de afianzar o que nos une. Aínda que soe a frase de charla motivadora dalgún gurú desnortado, unha sociedade que se centra na distancia que separa a cada un dos seus átomos, neses

detalles que nos fan individuais, mesmo a costa de ser extraordinariamente cafres, esa

sociedade tende á desintegración. E digo máis, ese 20% debería exhibirse como motivo

de debate; é tamén trazo dun pobo civilizado entender o que impulsa a alguén a dicir ou

facer algo. Debe de existir xente que asuma esta tarefa.


PUBLICIDADE

Preme na imaxe se queres contactar connosco.
Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Recordoume Jack a ese Martin que coprotagoniza a película “Passages”, interpretado por Ben Whishaw, unha persoa sensata capaz de aturar o peor egoísmo do seu compañeiro de vida en varias e desgraciadas ocasións, sempre cun talante comprensivo e empático. Tampouco pido iso, roza o inacadable, mais a utopía creo que é esta. Inclínome do lado de ir creando heurísticos que nos permitan identificar a xenreira como responsable do acto e tratar de entendela e contela. Remato este alegado a favor da paciencia cunha frase de George Bernard Shaw que sopra sobre nós un estilo de convivencia: “Se ti tes unha mazá e eu teño unha mazá e intercambiamos as mazás, entón tanto ti coma eu seguiremos tendo unha mazá. Pero se ti tes unha idea e eu teño unha idea e intercambiamos as ideas, entón ambos teremos dúas ideas”.

Antón Branco Vilariño, veciño de Lalín.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page