É catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago e coordinador da Red Española de Análisis Geométrico
Laura Moure/Melide
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 13 de decembro, o acto de ingreso de Eduardo García Río (San Salvador de Abeancos – Melide, 1965), catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución.
Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado Curvatura e simetría, que será contestado en nome da RAGC polo académico Juan José Nieto Roig, catedrático de Análise Matemática da USC.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a valedora da Comunidade Universitaria da UDC,
Ana Dorotea Tarrío; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo; o
presidente da CiUG, Iván Area; a vicepresidenta primeira da Real Sociedad Matemática
Española, Victoria Otero; o presidente da Área de Matemáticas da Agencia Estatal de
Investigación, Eduardo Liz; a directora do Centro de Investigación e Tecnoloxía
Matemática de Galicia -CITMAga-, Rosa Crujeiras; e o comandante director da Escola
Naval de Marín, Pedro Cardona; xunto a diversos representantes de institucións
políticas, culturais e académicas galegas.
Publicidade
O seu labor investigador céntrase no estudo da curvatura
Eduardo García Río doutorouse en Matemáticas na Universidade de Santiago en 1992. Dous anos despois obtivo a praza de Profesor Titular no Departamento de Análise
Matemática, onde desempeñou o seu labor docente e investigador ata o ano 2000,
momento no que solicitou o cambio á Área de Xeometría e Topoloxía. Desde 2010 é
catedrático de Xeometría e Topoloxía na USC.
Publicidade
Realizou estadías de investigación, entre outras, na Universidade Católica de Lovaina
(Bélxica), na Universidade de Kioto (Xapón), Universidade Cornell (Nova York), Instituto
Internacional Erwin Schrödinger de Matemáticas e Física (Austria) ou na Universidade
Técnica de Berlín (Alemaña). Na actualidade, o seu campo de traballo encádrase na
Análise Xeométrica, sendo coordinador da Red Española de Análisis Geométrico e
membro do comité editorial das revistas The Journal of Geometric Analysis e Differential
Geometry and Its Applications.
O seu labor investigador céntrase no estudo da curvatura. Ten publicado máis de 150
artigos en revistas científicas internacionais do eido matemático, sendo autor de máis de
7 libros e coeditor doutros 4 estreitamente relacionados con este tema. Dirixiu máis
dunha ducia de teses de doutoramento e foi investigador responsable de numerosos
proxectos de investigación desde o ano 1998. Con frecuencia é convidado a impartir
conferencias en congresos nacionais e internacionais de todo o mundo.
Publicidade
Colabora coa Agencia Estatal de Investigación, onde foi coordinador da súa área de Xeometría e Topoloxía entre 2018 e 2022. É avaliador da actividade científica de distintas
axencias internacionais como a Fundación de Investigación-Flandes (Bélxica), Fondo
Italiano para a Ciencia, Fondo Austríaco para a Ciencia ou a Royal Society de Londres.
Ademais, no período 2010-2014 foi director do Instituto de Matemáticas da USC, un dos
xermes do actual Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia
(CITMAga), do que é un dos seus membros garantes.
Comments