top of page

O Magreco de Boimorto: o escaparate por excelencia das novidades máis actuais do sector primario

O conselleiro de Medio Rural sinala que é o mellor espazo para intercambiar experiencias, impresións e coñecementos sobre asuntos de interese para a mellora das explotacións agropecuarias e forestais


Laura Moure/Boimorto

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, participou esta mañá na inauguración da Feira de maquinaria agrícola e produtos ecolóxicos, Magreco.

Alí, destacou o peso deste certame, que se constitúe como un dos escaparates por excelencia das novidades industriais máis actuais arredor do sector primario. Ademais, engadiu, é o mellor espazo para intercambiar experiencias, impresións e coñecementos sobre asuntos de interese para a mellora das explotacións agropecuarias e forestais. Así, o conselleiro sinalou que esta feira comparte un dos obxectivos marcados polo Goberno galego, que pasa por avanzar na mellora constante do rural galego en xeral e das explotacións en particular. Neste senso, sinalou que a finalidade é conseguir un rural vivo, competitivo e innovador, sempre á vangarda dos últimos avances tecnolóxicos que permitan mellorar a calidade de vida dos habitantes e traballadores do rural.


Precisamente, matizou o conselleiro, unha das pancas de acción que ten a Consellería é a liña de axudas destinada á incorporación de persoas mozas á actividade agraria, á execución de plans de mellora e á creación de pequenas explotacións, a cal permanece aberta ata o vindeiro luns, 27 de marzo. Dita orde, das máis destacadas dada a súa gran repercusión, conta este ano cun orzamento de 38,8 millóns de euros, un 3,5 % máis que na pasada convocatoria.


Aumentar a competitividade

De feito, subliñou José González, a través destas achegas búscase aumentar a competitividade e o rendemento global das explotacións mediante, precisamente, a súa modernización, ao tempo que aseguran a continuidade do tecido agrario e o rexuvenecemento da poboación activa no rural. Así, salientou, na pasada convocatoria aprobáronse máis de 1.000 expedientes destas axudas, dos cales 353 correspondéronse a mozos e mozas incorporados á actividade agraria. Ademais, ese compromiso coa actividade agraria -destacou o conselleiro- tamén se materializa nas distintas estratexias sectoriais elaboradas todas elas da man dos axentes implicados. No caso da Estratexia de dinamización do sector lácteo, facilítase a consolidación definitiva deste eido produtivo, tanto a nivel nacional como internacional. Coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia búscase impulsar a competitividade dos viños galegos nos mercados nacional e internacional.


Coa recente aprobada Estratexia de dinamización do sector cárnico, preténdese situar a Galicia como rexión de referencia na produción de carne, cun alto nivel de sustentabilidade. Asemade, dixo o conselleiro, para lograr todos eses obxectivos é fundamental dotar ás explotacións agropecuarias de base territorial. Nese eido estase a traballar a través dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que en menos de dous anos de vixencia conseguiu mobilizar arredor de 10.000 hectáreas a través de 21 polígonos agroforestais e outras tantas aldeas modelo, así como mediante diversas permutas no concello de Friol. Do mesmo xeito, José González puxo en valor a utilidade das concentracións parcelarias para ampliar a base territorial das explotacións. Así, salientou que desde 2021 decretáronse 28 novas parcelarias e rematáronse -coa correspondente entrega de títulos de propiedade- un total de 26 procesos, estes desde o ano 2020.


Por último, durante a súa intervención, o conselleiro fixo referencia á poxa de gando que terá lugar mañá nesta feira e destacou que a Consellería sacará este ano unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto, dotada con 200.000 euros. Así, o obxectivo destas axudas, sinalou o director xeral, é apoiar a promoción e difusión dos certames de gando bovino selecto criado en pureza en Galicia. Así, fomentarase a celebración dunha rede de eventos a realizar en diferentes puntos da xeografía galega cunha periodicidade acorde á oferta de animais, incluíndo poxas e concursos oficiais e, lembrou, que os beneficiarios destas axudas poderán ser concellos galegos que organicen certames de gando selecto.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Charla da PAC

Así mesmo, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá en Boimorto unha xornada informativa sobre o importante papel que teñen as subvencións da Política Agraria Común (PAC) para contribuír ao futuro do agro galego.Neste senso, Balseiros lembrou que a actual convocatoria destas axudas permanece aberta ata o vindeiro 31 de maio para todos aqueles interesados.


Sinalou que o seu orzamento elévase aos 217 millóns de euros, dos cales uns 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC -mantéñense con respecto a anos anteriores- e 47 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural asimiladas ao Sistema Integrado de Xestión e Control (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), que se incrementan con respecto á convocatoria anterior, grazas -entre outros- ao aumento impulsado polo Goberno galego nas axudas de agricultura ecolóxica. 

Comentários


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page