top of page
Foto del escritorLaura Moure

O libro fotográfico ‘Paisaxe do Camiño de Inverno’ presentouse na Casa da Cultura de Rodeiro

O fotógrafo Adolfo Enríquez deu a coñecer unha publicación destinada a promocionar esta ruta xacobea a través do seu patrimonio paisaxístico


Laura Moure/Rodeiro

O concello de Rodeiro foi o lugar elixido para a cuarta presentación do proxecto Paisaxe do Camiño de Inverno do fotógrafo Adolfo Enríquez. O acto tivo lugar esta semana na Casa da Cultura e contou coa intervención do tenente de alcalde e concelleiro de Turismo de Rodeiro, Pablo Sobrado, así como do propio Enríquez e o seu colaborador na publicación, José Taboada, presidente do Colexio Profesional de Xeógrafos de Galicia. Entre os asistentes atopábanse varios blogueiros de viaxes centradas na promoción do Camiño, así como veciños e autoridades locais.


Paisaxe do Camiño de Inverno é un percorrido fotográfico polas espectaculares paisaxes de interior que compoñen este roteiro xacobeo. Un camiño que, como o propio Enríquez destacou, ofrece un percorrido pouco masificado e de carácter eminentemente natural, na que os ríos, co Sil como protagonista, convértense nos grandes acompañantes do peregrino. O libro ofrece 97 fotografías, moitas delas realizadas con helicóptero ou dron, que permiten admirar a paisaxe no seu conxunto e desde unha perspectiva diferente. Así, é posible descubrir o emprazamento de construcións destacadas, os cursos dos ríos e as diferenzas orográficas do roteiro. Precisamente ese, o de ofrecer unha óptica diferente da paisaxe do Camiño de Inverno, era o obxectivo principal de Enríquez nesta publicación.


A presentación tivo unha mención especial para o exalcalde de Rodeiro, Eliseo Diéguez, ao que o concelleiro Pablo Sobrado destacou como un dos principais impulsores deste roteiro xacobeo e tamén un dos principais responsables do seu recoñecemento oficial, en 2016. Sobrado quixo ademais poñer en valor este camiño como un importante axente dinamizador da zona, que permite difundir os valores do territorio, axudar a coñecer a vida rural e interpretar a riqueza natura e cultural dos concellos de interior. Pola súa banda, José Taboada, referiuse á capacidade do libro para reflectir paisaxes cotiás e singulares, algo que permite transmitir á perfección a esencia do Camiño de Inverno e recoñecer o seu patrimonio paisaxístico como un recurso turístico en si mesmo. O xeógrafo mostrou aos asistentes, a través dunha presentación con algunhas das fotografías do libro, a gran diversidade de contornas naturais e culturais que ofrece o roteiro, reflexo das características geomorfológicas das diferentes zonas que percorre.


Taboada tamén quixo sinalar a importancia do proxecto polo seu carácter divulgativo e a súa contribución ao coñecemento da paisaxe interior de Galicia. Algo fundamental para a súa correcta conservación debido a que, como el mesmo apuntou “o que se coñece, valórase e o que se valora, protéxese”. A cita de Rodeiro foi a cuarta dunhas presentacións itinerantes que xa visitaron Monforte, Lalín e Quiroga e que concluirán, o próximo 3 de setembro, na Rúa.



0 comentarios

Kommentare


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page