Casares tamén destaca no ámbito da saúde e contribución durante a pandemia
Laura Moure/Lalín
A web de influencia pública EUmatrix acaba de publicar a súa clasificación do TOP 100 dos eurodeputados que tamén inclúe diferentes áreas sectoriais. O eurodeputado socialista lalinense, Nicolás González Casares, alcanzou o primeiro posto no relativo ás políticas de enerxía segundo Eumatrix polo seu traballo constante nesta área e por levar a cabo recentemente a reforma do deseño do mercado eléctrico da UE.
Ademais, destácase que González Casares traballou na Revisión da Directiva de Renovables, no regulamento de Combustibles Sostibles para a Aviación, na Estratexia de Integración do Sector Enerxético, na Lei do Clima da UE e noutros dossiers de importancia nos ámbitos de enerxía e clima. Ademais, o socialista galego tamén alcanzou o TOP 9 en políticas de Saúde, recoñecéndose o seu papel actual na Revisión da Directiva de Produtos Farmacéuticos, a ponencia socialista no regulamento de Sustancias de Orixe Humana ou o seu papel no Reforzo da Axencia Europea do Medicamento durante a pandemia.
Publicidade
González Casares tamén está no TOP 100 de EUMatrix ocupando o posto 96 dun total de 705 eurodeputados.
Publicidade
Toda a Delegación Socialista do Parlamento Europeo alcanza bos resultados sendo unha das máis destacadas do Parlamento Europeo polo seu traballo e influencia. A presidenta do grupo socialista europeo sitúase no podio co seu TOP 3 e ata 8 socialistas españois están no TOP 100 sendo o PSOE o partido de maior influencia no Parlamento Europeo de todos os do arco político español.
Publicidade
Segundo EUMatrix, o seu traballo mide decenas de miles de datos e indican que "este estudo, que realizamos periodicamente, mide a influencia a través dunha combinación de criterios agrupados nas seguintes categorías: posicións de liderado formais e informais, traballo lexislativo real, rede política, participación en comités e comportamento electoral".
Comentarios