top of page

O lalinense Gonzalo Navaza ingresará na Real Academia Galega o 5 de novembro

Laura Moure/Lalín

O lalinense Gonzalo Navaza converterase en parte do pleno da Real Academia Galega o vindeiro 5 de novembro. O filólogo e escritor ingresará ese día na institución como membro de número cun discurso sobre a toponimia do concello de Lalín. A sesión extraordinaria, aberta ao público ata completar a capacidade da sala, poderá seguirse tamén en directo dende a web da academia https://academia.gal/inicio


Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento o pasado mes de marzo do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década. O novo académico é sobre todo coñecido polo gran público polo seu labor literario. Como poeta colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998). Pero o académico electo, profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, é tamén un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios.

ree
Gonzalo Navaza. Fonte: RAG

As súas achegas ao eido da toponimia remóntanse a comezos dos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), unha obra monumental que xunta preto de 8000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, e que foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).


Gonzalo Navaza é ademais parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, e dende o ano 2012 forma parte como académico correspondente do Seminario de Onomástica, entre outros méritos.


As súas contribucións como filólogo abranguen tamén o campo literario, prestando atención a figuras como Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas, e como tradutor, trouxo ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986). A súa versión galega doutro éxito de Conan Doyle, O can dos Baskerville, foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991), a d’A traxedia do home recibiu o Madách Award (2003) e a d’As flores do mal de Baudelaire o Premio de Tradución Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2009).

ree
Preme na imaxe se quere contactar connosco.

Desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page