Perruquería Marisa.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

Pladur Touro.png

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE

O lalinense Antonio Rodríguez Troitiño aspira a presidir a FGA para facela "máis transparente "

O presidente da Escudería Lalín-Deza crea un grupo de traballo para convencer á xente do automobilismo galego de que “este deporte merece algo mellor do que ofrece Iván Corral”

Troitiño, no centro, hoxe durante a comparecencia.


Laura Moure/Lalín

O presidente da Escudería Lalín-Deza, o empresario lalinense Antonio Rodríguez Troitiño, anunciou esta mañá nunha rolda de prensa celebrada no Hotel NH Collection de Santiago de Compostela a creación dun “grupo de traballo amplo”, denominado “RenovaFGA”, para preparar unha candidatura alternativa á actual presidencia da Federación Galega de Automobilismo (FGA) nos comicios que deberán convocarse ao longo do ano 2022.


Rodríguez Troitiño anunciou a súa pretensión de optar á presidencia da FGA arroupado por dous "pesos pesados” do automobilismo galego, como José Ramón Padín Freire, organizador do Rallye de Narón desde a primeira edición en 1988 e directivo da FGA entre 2001 e 2006, e como Francisco Barreiro Caamaño, ex directivo e ex vicepresidente da FGA, que foi membro da Escudería Berberecho e moi vinculado ao Rallye Ría de Noia. A ambos agradeceulles “que formen parte deste proxecto, porque non é fácil dar un paso adiante así e eles foron das persoas que desde a primeira hora se sumaron para impulsar esta futura candidatura alternativa”.


Na súa intervención, Antonio Rodríguez Troitiño explicou que, aínda que falta moito tempo para esas novas eleccións, considerou “procedente” anunciar xa a súa pretensión de optar á presidencia da FGA debido “aos acontecementos recentes no seo da federación e á situación surrealista que está a vivir, cun presidente inhabilitado que, a pesares da súa situación, xa está comezando a mover certos fíos cos diferentes colectivos do automobilismo galego para conseguir futuros apoios”.


Alternativa gañadora

Subliñou que Renova FGA “non é unha iniciativa que xurda por ningunha ambición persoal nin tampouco por un enfrontamento persoal contra Iván Corral, se non polo descontento coa súa xestión nos últimos tempos”. “Este deporte merece algo distinto e mellor que o que ofrece Iván Corral” e por iso estima necesario “comezar a falar xa con toda a xente do automobilismo galego” para artellar unha “alternativa gañadora que se centre e traballe polos intereses reais dos afiliados”.


Tras indicar que na xornada de onte comunicoulle a súa decisión de conformar unha futura candidatura tanto a Iván Corral como ao secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, Antonio Rodríguez Troitiño subliñou os tres grandos eixos sobre os que se substentará o seu futuro programa de traballo: “Garantiremos unha xestión máis transparente, porque cada afiliado debe saber como, cando e onde se gasta cada euro do orzamento da federación e actualmente só hai opacidade e oscurantismo; queremos unha FGA máis participativa e aberta e menos presidencialista; e queremos un automobilismo galego máis asequible e accesible economicamente tanto para os organizadores como os pilotos e os equipos, que son os verdadeiros artífices deste deporte”.


Preguntado sobre a primeira medida que tomaría se chegase a presidir a FGA, Antonio Rodríguez Troitiño anticipou que sería “unha auditoría global” para “saber como está a federación por dentro en realidade”.



28 vistas0 comentarios
IRS.jpg

ESPAZO DISPOÑIBLE PARA ANUNCIARSE