top of page

"O Lalín do caciquismo debe rematar este domingo", recalca o candidato de CxL, Rafael Cuiña

Aprendín de meu pai a que cada problema dun veciño, por pequeno que sexa, é o problema máis importante do mundo para el”, afirmou


Ecos da Comarca/Lalín

O candidato de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, defendeu este xoves no mitin central de campaña “un Lalín de liberdade e igualdade de oportunidades para todos e todas”. Ese é o concepto fundamental sobre o que pivotará a acción política de Compromiso dende o goberno de Lalín a partir do vindeiro 28 de maio.


Arroupado polos centos de persoas que ateigaron a Sala Tuno Valdés do Auditorio Municipal, Rafael Cuiña arrancou o seu discurso coa confianza de acadar o apoio do electorado para volver a ser alcalde de Lalín, “o pobo polo que o meu pai tanto loitou”. “Aprendín de meu pai a que cada problema dun veciño, por pequeno que sexa, é o problema máis importante do mundo para el”, lembrou.

Incidiu en que moita xente pensaba que tras perder por 86 votos, Rafael Cuiña ía renunciar. Porén demostrou o seu compromiso “estando no Concello todas as mañás, como nunca fixo un xefe da oposición”. Así, dende o primeiro día “comecei a ver cousas que non me gustaban, e que representaban exactamente o modelo contrario ao que Compromiso trouxo ao Concello”.

Mencionou, entre elas, a “caída en desgraza” de aqueles traballadores municipais que foran independentes no seu mandato ou que “os mesmos corvos que sobrevoaban sobre os contratos públicos durante tanto tempo, emerxían de novo como unha especie de pavos reais que ensinaban o plumaxe a modo de poder, por considerarse intocables”. “Quédanlles 72 horas para que remate esta situación”, proclamou.


"Marxinación"

Tamén lamentou a “marxinación” de moitos veciños e veciñas por non pronunciarse a favor do goberno ou por non saír en fotos apoiando ao PP, nas que apareceron persoas que levan poucos meses traballando no Concello. “O Lalín do caciquismo debe rematar este domingo”, remarcou antes de proclamar que “eu teño un concepto moi diferente para o Lalín que quero para os vosos fillos e fillas… para os meus fillos, para os vosos netos”.

Nesta liña reivindicou que “os tempos escuros actuais teñen que mudar en un Lalín de liberdades no que cada veciño diga o que considere sen represalias, no que haxa empresarios en igualdade de condicións para ofertar polos contratos públicos, e no que para acceder a postos de traballo no Concello non haxa que ser servil cun alcalde ou cun concelleiro”.


No eido económico, lembrou que deixou un concello sen débedas e cunhas arcas públicas con cartos para facer proxectos. A isto engadiulle os máis de 5 millóns de euros en fondos europeos para reformar o núcleo de Lalín de Arriba, as rúas Principal e Loriga, o núcleo de Donramiro, a Avenida Xosé Cuiña ou a construción de sendas verdes.


Tamén puxo en valor un concello no que rematara o caciquismo, e no que “ata os pedáneos eran escollidos polos seus veciños”. “Agora”, lamentou, “volveron os tempos nos que nas parroquias os axentes políticos informan se o pedáneo é independente, e deciden sobre a quen se lle fai unha pista, ou lle chega un saneamento, en función de a quen vota”.


Débeda

Cuiña criticou que o PP deixe unha débeda de 11,5 millóns de euros e que estea inmerso nunha voráxine de compra de casas millonarias, con proxectos como a gran praza, mentres as parroquias de Lalín levan 30 anos sen servizos. “É unha vergoña democrática” á que se suman anuncios a 2 días de ir ás urnas, “colgándose medallas sobre obras que lle negaron ao noso rural durante tres décadas”.


Alertou duns “datos de emprego preocupantes”, unha ampliación do polígono “vetada pola Xunta durante 14 anos” ou un CIS que acumula 4 anos de retraso sobre a data de finalización prevista no convenio que o propio Cuiña asinou en 2018.


Neste escenario, Cuiña avogou por “un Lalín atrainte para a xente”. Para iso Compromiso vai emprender a humanización de rúas que “aínda están instaladas nos anos 80” para favorecer a veciños e comerciantes. Con ese obxectivo tamén se activarán os bonos para comprar no comercio local que o PP se negou a poñer en marcha porque os consideraban ilegais mentres funcionan en moitas outras vilas, como por exemplo en Monforte.


Deporte

O deporte vai ser outro dos piares fundamentais da acción de Compromiso para o vindeiro mandato, dobrando as axudas ás escolas deportivas ou construíndo novas infraestruturas como unha nova pista de atletismo ou cinco pistas de pádel.

En paralelo, salientou a responsabilidade institucional de Compromiso na súa labora de oposición. Así, pactáronse medidas contra a pandemia e a Axenda Urbana “por responsabilidade” e por aumentar a capacidade do Concello de captar fondos europeos.

“Eu non quero”, lembrou, “un modelo no que cada ano se gasten 100.000 euros en orquestras: quero dobrar as axudas para o deporte, quero becas para que os nosos mozos con máis problemas para poder facelo, poidan aprender nos veráns outro idioma no estranxeiro”.


Tamén incidiu en que a promoción de Lalín non pode ser so o Cocido. “Temos pan, temos paraxes impresionantes, e o programa de Roteiros que fixo o goberno anterior ten que potenciarse, ao igual que os dous camiños de Santiago que pasan por Lalín”, dixo. Recordou Cuiña que “con fondos europeos iamos facer un albergue para peregrinos, e locais para asociacións, pero quedou en nada, ao mellor porque alguén que ía na lista do PP tiña outro tipo de intereses económicos”.

Cuiña concluíu dicindo que “o Lalín de futuro ten que ser que se basee no apoio ás enerxías renovables, no equilibrio entre os investimentos no casco urbano e no rural, no que o deporte vaia máis alá e sexa unha verdadeira “escola da vida” para os mozos e mozas, e sinal de identificación dos lalinenses polo mundo”.


Por último remarcou que “quero que hoxe meus fillos, aquí presentes, tomen nota para cando sexan maiores, que o seu pai foi home honesto, que en lugar de decidir unha vida máis cómoda, deu un paso á fronte para traballar con modestia polo seu pobo, e sempre tivo claro que era o seu humilde servidor, e que ata o derradeiro día da súa vida levará como Xosé Cuiña no corazón, a Galicia Nai e señora”.

Teresa Varela Fisteus, Iria Fernández, José Luis Abeledo, e Rubén Díaz

Antes da intervención do candidato, Rafael Cuiña, tamén participaron no mitin Teresa Varela Fisteus, Iria Fernández, Rubén Díaz e José Luis Abeledo, que foi o encargado de presentar o acto.


Na súa intervención, Teresa Varela Fisteus lembrou que “o noso grupo ten un modelo de xestión moi afastado do que se esta aplicando actualmente”. Fronte á inxente cantidade de facturas reparadas, gastos millonarios comprometidos ou unha débeda disparada “nós aplicaremos sentidiño como se estivésemos a gobernar as nosas casas”. “Na política de xestión dos cartos públicos do PP”, lamentou, “aflora a súa irresponsabilidade, a súa falta de rigor e un despilfarro desorbitado”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco.

Iria Fernández puxo en valor a enorme cantidade de mozos e mozas que se sumaron ao proxecto de Compromiso nestes últimos anos, o que se reflicte na súa presenza na candidatura. “Eu, dende o principio, tiven claro que Compromiso por Lalín é a única forza política que realmente nos dá voz e que se preocupa por buscar un futuro mellor para a mocidade”, dixo. Mentres, “outros non fixeron nada por nós nos últimos catro anos. E iso nótase nunha gran cantidade de problemas que nos afectan, entre eles dous fundamentais: o emprego e a vivenda”.

José Luis Abeledo explicou que, como taxista, ten a oportunidade de coñecer de preto os problemas reais da xente. Nesta liña lamentou as queixas polo lamentable estado da sanidade pública en Lalín ou o abandono das parroquias.


Rubén Díaz proclamou que quere “un Lalín vivo, no que o urbano e o rural teñan os mesmos servizos e dereitos, e abofé que sucederá se goberna CxL”. “Querido pobo de Lalín, son dos que pensan que se fala correctamente cando a túa lingua pode transmitir a linguaxe do teu corazón”, finalizou.



Comments


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2025 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page