O Instituto Galego de Estatística levará a cabo enquisas en Agolada entre o 13 e o 26 de xuño
- Laura Moure
- 31 may 2022
- 2 Min. de lectura
O obxectivo principal é reflectir as condicións de vida das familias galegas en relación
con diversas variables de interese como nivel de estudos, ingresos e gastos do fogar
Laura Moure/Agolada
O Instituto Galego de Estatística (IGE) realizará enquisas en distintas vivendas do municipio de Agolada entre o 13 e o 26 de xuño para coñecer distintas variables de interese.

En cumprimento do Plan galego de estatística 2022-2026 (Lei 16/2021, do 20 de decembro, DOG número 249 do 29 de decembro de 2021) este instituto está a realizar a operación estatística Enquisa estrutural a fogares. Esta iniciativa é unha investigación de carácter oficial cuxo obxectivo principal é reflectir as condicións de vida das familias galegas en relación con diversas variables de interese como nivel de estudos, ingresos e gastos do fogar e dos seus membros.
A enquisa está dirixida a 9.216 vivendas repartidas por todo o territorio galego e entre elas figuran algunhas do municipio de Agolada, que no caso deste concello levarase a cabo entre o 13 e o 26 de xuño por parte do persoal enquisador debidamente acreditado para cubrir un cuestionario estatístico.
As vivendas seleccionadas recibirán unha carta remitida polo Instituto Galego de Estatística na que se lles informará do obxectivo da enquisa, dos medios facilitados para contestala (internet, teléfono gratuíto ou poñéndose un enquisador en contacto co fogar), da obriga de facilitar eses datos, tal e como indica o artigo 18 da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e de que a información proporcionada é estritamente confidencial e está protexida polo segredo estatístico, segundo establecen os artigos 24.28 da citada lei.
Ante calquera dúbida ou para confirmar que realmente se trata do IGE, os interesados poden contactar co Concello de Agolada (986 788 062) ou directamente con este instituto a través do teléfono gratuíto 900 102 104 en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Comments