O II Trail-Cros Comarca Ulla-Tambre dispútase o domingo 23 de abril polos montes de Touro e do Pino
- Laura Moure
- 13 abr 2023
- 2 Min. de lectura
As inscricións poderán facerse ata o mércores 19 de abril na web de Carreiras Galegas
Laura Moure/Comarca de Arzúa
O domingo 23 de abril é a data elixida para celebrar a segunda edición do Trail-Cros da comarca Ulla-Tambre, proba de 18 quilómetros organizada pola Sociedade Deportiva Compostela-Tambre-Lengüelle e que discorre polos montes de Touro e do Pino entre a área recreativa de Brandelos e o cruceiro de Arca. Ademais, e para facilitar a participación do maior número de persoas, o trail complétanse cunha andaina non competitiva de cinco quilómetros, que unirá a carballeira de San Pedro co cruceiro de Arca.

As inscricións para o trail e para a andaina poden facerse xa, ata o mércores 19 de abril, na páxina web de Carreiras Galegas. O día da proba, todas as persoas participantes
deberán concentrarse na liña de meta, situada no cruceiro da igrexa de Arca, para recoller os seus dorsais e montar nos autobuses que as trasladarán aos respectivos puntos de saída.
O II Trail-Cros da comarca Ulla-Tambre sairá de Brandelos ás 10:00 horas para pasar pola
fervenza do Batán, os miradoiros de San Sebastián e do Picón, e Astrar antes de acadar a
meta no cruceiro da igrexa de Arca. Trátase dun percorrido que permitirá aos atletas
admirar algunhas das paraxes máis fermosas que brindan os montes de Touro e do Pino.
A proba, que forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, contará
con cinco categorías (sénior, máster 1, 2, 3 e absoluta), tanto en homes como en
mulleres, e repartirá premios en produtos da zona para os tres primeiros homes e as tres
primeiras mulleres clasificadas en cada categoría, ademais dun premio especial para o
campión/a absoluto e o gañador/a absoluto local e de premios en metálico para os tres
primeiros clubs federados. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo técnico.
Comments