O Igape presenta en Lalín o seu novo paquete de axudas con 172M€ para innovación, financiamento e competitividade
- Laura Moure
- 14 feb
- 2 Min. de lectura
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica, Covadonga Toca, participou nunha xornada para autónomos e pemes organizada pola Asociación de Empresarios de Deza
Laura Moure/Lalín
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou onte nunha xornada informativa organizada pola Asociación de Empresarios do Deza-AEDEZA no Hotel Torre do Deza, onde presentou o novo paquete de axudas para pemes e autónomos activado pola Xunta de Galicia.

Estes apoios, cun “orzamento histórico de 172 millóns de euros”, explicou Toca Carús,
estrutúranse en tres grandes bloques: financiamento, competitividade e innovación. “O obxectivo principal é reforzar a produtividade das empresas galegas, mellorar a súa
adaptación ás novas tecnoloxías e potenciar a transformación dixital do tecido
empresarial”, afondou.
“Unha das maiores barreiras para o crecemento empresarial é o acceso ao financiamento”,
explicou a directora. Por este motivo, o Igape destina este exercicio preto de 113 millóns
de euros a instrumentos financeiros que faciliten liquidez e permitan investimentos
estratéxicos.
Publicidade
As liñas principais, afondou Toca Carús, inclúen acceso ao crédito con 19 millóns de euros
en axudas para financiamento a través de entidades de crédito e sociedades de garantía
recíproca ou préstamos directos con 50 millóns de euros en financiamento en condicións
vantaxosas para investimentos empresariais.
Competitividade e Innovación
Así mesmo, e como detallou a directora, destínanse tamén máis de 47 millóns de euros
para programas que melloren a competitividade das empresas galegas. Entre eles, destacan as axudas para investimentos, con 10 millóns de euros e para atracción de
empresas con 12 millóns de euros; as liñas de transformación dixital, con 3 millóns de
euros ou o programa ReAcciona, con 2,8 millóns de euros para asesoramento estratéxico
e xestión empresarial.
“A innovación é clave para a competitividade global”, proseguiu Toca Carús, detallando
que o Igape impulsa programas con 15,2 millóns de euros. Entre estes destacan IA 360
con 10,2 millóns de euros, como programa pioneiro en Galicia para a aplicación da
intelixencia artificial no sector produtivo; Ticket Innova, con 1 millón de euros para apoio á
certificación e tecnoloxías emerxentes; e Igape Innova, con 4 millóns de euros en
modernización de procesos e desenvolvemento de novos produtos.
A Oficina Económica
A directora do Igape destacou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia, que en
menos dun ano de funcionamento xestionou máis de 16.000 consultas e preto de 200
proxectos estratéxicos, simplificando a interlocución coa administración, reducindo prazos
e mellorando a experiencia das compañías na súa relación co sector público.
Commentaires